O Bng plantexará no pleno deste venres modificar as bases das axudas a comedores escolares para chegar a un maior número de familias

Desde a formación nacionalista piden aumentar a partida orzamentaria, aumentar a renda per cápita e a cantidade por alumna, ampliar as causas sobrevidas, complementar as axudas á conciliación da Xunta e axilizar o procedemento

Ourense, 03 de outubro de 2022. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense rexistrou unha moción para debater no pleno previsto para este venres 07 de outubro no que solicitan a modificación das bases que rexen a convocatoria de axudas para concesión de axudas a adquisición de libros, material escolar e comedores escolares.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tal e como figura na exposición de motivos, a partida orzamentaria ascendeu este ano a 268.550 euros, correspondendo 90 euros mensuais por alumna ou alumno. O dato que máis chama a atención é que das 805 solicitudes presentadas soamente foron atendidas 300, quedando en lista de agarda 116, debido á falla de crédito ao esgotarse a partida inicialmente prevista. 382 solicitudes foron directamente excluídas polo incumprimento dalgún dos requisitos esixibles nas Bases Reguladoras da convocatoria.

Pero o certo é que algo máis do 40% das denegacións, ou o que é o mesmo, 168 solicitudes das 382 totais, teñen que ver co punto 5.3 do artigo 5 das Bases Reguladoras das axudas e que fai referencia ao nivel de renda per cápita anual. Este aparece fixado nun máximo de 3.700 euros por membro.

Para a concelleira Rhut Reza, “o obxectivo deste tipo de axudas debe ser chegar ao maior número de veciñas e veciños posíbeis, non sendo normal polo tanto que máis do 40% das solicitantes e dos solicitantes queden fóra. Cómpre analizar as causas e levar a cabo as modificacións necesarias nas Bases coa finalidade de poder acadar un número maior de beneficiarios”.

Rhut Reza lembra que “tendo en conta que existe crédito orzamentario suficiente, desde o BNG entendíamos preciso aumentar a cantidade inicialmente orzamentada para dar cobertura ás solicitudes actualmente en listaxe de agarda e permitir que todas e todos aqueles que nesta convocatoria cumpren cos requisitos, non queden se axuda”.

“Así o transmitimos na Xunta de Área de Servizos Socias celebrada o pasado día 13 de setembro, sendo, todo hai que dicilo, rápidamente aceptada dita proposta polo actual Goberno Local mais cómpre evitar esta situación en anos futuros”.

O Grupo Municipal do BNG plantexa xa que logo:

1. Instar ao Goberno Local a incrementar de cara ás vindeiras convocatorias, o orzamento asignado para a concesión de axudas a adquisición de libros, material escolar e comedores escolares co obxecto de evitar que persoas beneficiarias por ter cumprido con todos os requisitos esixidos nas Bases, queden sen elas por falla de orzamento.

2.Instar ao Goberno Local á revisión das Bases Reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de libros, material escolar e para comedores escolares, concretamente o punto 5.3 do artigo 5, co fin de aumentar o límite establecido de 3.700 euros de renda per cápita anual, así como o artigo 8.1.b co obxecto de aumentar a contía máxima establecida actualmente en 90 euros ao mes.

3. Instarao Goberno Local á revisión das Bases Reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de libros, material escolar e para comedores escolares, co obxecto de modificar e ampliar as denominadas “causas sobrevidas”.

4. Instar ao Goberno Local a axilizar a convocatoria para a concesión de axudas para a adquisición de libros, material escolar e para comedores escolares a fin de que co comezo de cada curso as e os solicitantes saiban se son beneficiarios de ditas axudas ou non, e contribuir deste xeito a que poidan realizar unha maior planificación de comezo de curso.

5. Instar ao Goberno Local a articular un novo sistema de axudas destinadas á conciliación, comedores, acollida temperá e ludoteca nos Centros escolares, para que cubra unha parte do recibo pagado polas familias e complementar así a axuda da Xunta de Galiza que a día de hoxe non chega nin o 10% do custe total.