O primeiro Hackathon – Laboratorio de Ideas e Innovación conta con medio centenar de participantes

Convocado pola Deputación, o Concello de Ourense, a Universidade de Vigo e o resto de beneficiarios do proxecto Emprende Makers, este evento celebrará a fase final en Ourense os próximos días 14 e 15 de outubro

O obxectivo da iniciativa é procurar solucións aos retos do sector turístico en Galicia e o norte de Portugal

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 2 de outubro de 2022.- O primeiro Hackathon-Laboratorio de Ideas e Innovación pechou esta semana o proceso de inscrición sumando 14 grupos, con máis de medio centenar de rexistrados nesta primeira edición do evento, cuxa fase final celebrarase en Ourense os próximos días 14 e 15 de outubro para afondar na procura de solucións aos retos do sector turístico en Galicia e o norte de Portugal. 

Este evento está convocado pola Deputación de Ourense e o Concello de Ourense xunto á Universidade de Vigo e o resto de beneficiarios do proxecto Emprende Makers, cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa INTERREG V A ESPAÑA – PORTUGAL (POCTEP) 2014-2020.

Este hackathon -o nome técnico dun evento que reúne a estudantes ou profesionais de diferentes ámbitos e que ten como principal obxectivo resolver desafíos nun tempo específico, curto e continuo- realizarase en formato híbrido, en liña e presencial. 

A organización do evento valora “moi positivamente a excelente acollida”, destacando ademais o “carácter interxeracional e interdisciplinar do grupo, o que, dixo, facilitará e enriquecerá o proceso de definición das propostas”.

Entre os perfís inscritos atópanse artesáns; desarrolladores de aplicacións; unha webmaster; dous arquitectos, deportistas, persoas relacionadas coa cultura, os museos, o turismo e a organización de eventos; unha deseñadora gráfica, unha coach especializada nos “baños de bosques”, emprendedores, estudantes, un presidente de comunidade de montes ou un economista. Entre os 55 rexistrados, 5 son do norte de Portugal, o que apela ao enfoque transfronteirizo ao que aspiraba este evento perfilado para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

A partir de agora, dará comezo a fase en liña do evento, na que as persoas rexistradas, unha vez feita pública a composición dos grupos, poderán ir construíndo as súas propostas coa asistencia de cinco mentores e materiais en liña; entre as que se elixirán  as catro finalistas que competirán de forma presencial en Ourense o 14 e 15 de outubro. 

Abordar os retos do sector turístico

A meta desta primeira convocatoria do “Hackathon-Laboratorio de Ideas e Innovación” en Ourense é descubrir, seleccionar e premiar as mellores solucións innovadoras para o desenvolvemento do turismo sostible na Eurorrexión Galicia – norte de Portugal. As propostas poden estar centradas en calquera ámbito urbano, rural ou natural deste territorio, así como calquera outra vila, comarca ou paraxe singular.

Os proxectos deberán centrarse nun ou varios dos elementos diferenciadores deste territorio. Estes elementos deberán estar integrados nas propostas para presentar de forma que poidan funcionar como pancas para aumentar a afluencia de visitantes e a atracción de turismo de calidade. O obxectivo último é contribuír a unha economía máis circular e capaz de deixar un maior valor engadido no territorio, utilizando para iso a creatividade e a innovación.