O PsdeG presenta unha iniciativa para que a Xunta e o concello de Ourense impulsen políticas para a “absoluta erradicación” da trata, a prostitución e a explotación sexual

Instan ao Concello a apoiar a tramitación da reforma do Código Penal para prohibir o proxenetismo en todas as súas formas e a promover campañas orientadas á sensibilización sobre a explotación sexual

A concelleira Concha García puxo de manifesto que “para as e os socialistas, a liberdade e a igualdade son incompatibles coa prostitución e a trata de seres humanos”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 3 de outubro de 2022. Co gallo da conmemoración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata o pasado 23 de setembro, o PSdeG-PSOE de Ourense vén de anunciar que levará ao pleno municipal deste venres unha iniciativa encamiñada a promover a posta en marcha de políticas públicas por parte da Xunta de Galicia e do Concello de Ourense orientadas á “absoluta erradicación” da trata, unha lacra que afecta especialmente ás mulleres e nenas, que representan o 71 % das vítimas en todo o mundo, segundo os datos de Nacións Unidas.

“Para as e os socialistas, a liberdade e a igualdade son incompatibles coa prostitución e a trata de seres humanos”, puxo de manifesto a concelleira Concha García fronte á sede do Centro de Información á Muller (CIM).

“A trata de mulleres e menores con fins de explotación sexual é unha das formas máis miserables nas que se manifesta a violencia contra as mulleres e un dos máis terribles negocios en todo o mundo, posto que supón unha vulneración dos Dereitos Humanos que vai ligada á violencia, á marxinación e á dificultade económica, así coma á cultura sexista e patriarcal na que vivimos inmersas”, abundou.

No texto da iniciativa promovida polo PSdeG-PSOE a nivel autonómico, faise fincapé en que España é o país europeo con maior demanda de prostitución, e o terceiro a nivel mundial, pois o 39 % dos homes españois pagaron nalgunha ocasión por manter relacións sexuais, segundo datos de Nacións Unidas.

“A trata con fins de explotación sexual non pode desligarse da prostitución: son dúas caras da mesma moeda, xa que a trata de mulleres e nenas existe porque hai homes dispostos a prostituílas”, condenou García.

Así as cousas, dende o grupo socialista instan ao Concello a apoiar a tramitación da Proposición de Lei Orgánica pola que se modifica a Lei Orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código Penal, para prohibir o proxenetismo en todas as súas formas. “O proxeneta é a persoa que se lucra da prostitución doutra persoa, polo que o primeiro paso para erradicar a prostitución é perseguir o proxeneta”, subliñou García.

Ademais, a través desta moción, as e os socialistas solicitan impulsar, no ámbito das competencias municipais, políticas públicas orientadas á loita contra a explotación sexual e a abolición da prostitución, así como promover campañas de sensibilización sobre as consecuencias da explotación sexual e dos comportamentos individuais.

Plan galego e estudo sobre prostitución en Galicia

Por outra banda, esíxenlle á Xunta que poña en marcha o ‘I Plan galego contra a trata de seres humanos’, que ten vixencia 2022-2024, e sobre o cal denuncian non teren constancia nin da súa execución nin do seu contido, “tamén aplicable á administración local, polo que debemos ter acceso ao mesmo para esixir que o Concello de Ourense cumpra coa súa parte”.

Por último, instaron á Xunta á realización dun estudo sobre prostitución en Galicia, posto que “o último que existe data do ano 2013 e cómpre actualizalo para poder incrementar a efectividade das medidas do Plan galego”.