O concello do Carballiño reivindica a súa feira cunha exposición fotográfica a cargo de O`Potiños

A orixe da vila do Carballiño está vencellada á súa feira. Foi a decisión do mosteiro de Oseira de crear un novo mercado no territorio que rematou por se converter na orixe primixenia da vila o que deu pé ao nacemento dun pequeno núcleo de poboación que rematou por se converter, co paso dos séculos, no actual O Carballiño.

Dende o Concello do Carballiño apostouse por poñer en valor a súa feira e encargouse á Asociación Fotográfica O Potiños o proxecto que agora se inaugura, unha mostra na que os membros deste colectivo aportan a súa visión sobre unha feria, que se celebra na vila os días 16 e último de mes, que forma parte da esencia e dos sinais de identidade do pobo. Sendo, tamén, un dos motores económicos da vila.

AVANTAR ACTIVIDADES

A exposición servirá para potenciar e reivindicar a nosa feira e, doutra banda, aportará unha nova proposta artística e cultural xerada e creada no Carballiño. Ademais de amosar unha realidade que forma parte do ADN do pobo, a mostra viaxará despois a outras vilas para espallar e dar a coñecer a nosa feira e a súa condición de mercado histórico.

Dende a Asociación Fotográfica O Potiños apostouse por desenvolver un proxecto que é a un tempo memoria histórica e, ao outro, reflexo dunha realidade que fala de encontro, ledicia, actividade económica, amizade, ilusión, fidelidade na relación de anos de relación entre compradores e vendedores, momentos de troula e de cita gastronómica… a vida mesma reunida nunha xornada de feira. Unha visión que aporta diferentes puntos de vista, tantos como membros do Potiños participaron neste proxecto. Seis foron os membros do colectivo fotográfico que participaron nun proxecto no que figuran, entre outros aspectos, imaxes de elementos icónicos da feira, como o afiador ou os pulpeiros, e a nova realidade que chega da man das actuacións musicais que programa o concello ao longo do ano para potenciar as feiras.

A mostra fotográfica sobre a feira do Carballiño está aberta ao público na Casa do Concello e na presentación da mesma participaron os concelleiros de Cultura, Diego Fernández; Turismo, Manuel Dacal; Comercio, Silvia Baranda; e Servizos Públicos, Rosa Fuentes;  o presidente da Asociación Fotográfica O Potiños, Manuel Blanco Guerra; e o vicepresidente da Asociación de Pulpeiros do Carballiño, Olivier Fernández.