A nova campaña do comercio de proximidade repartirá 12.000 euros en premios en toda a provincia

AVANTAR ACTIVIDADES

‘Mercar non teu comercio ten premio’ é o nome desta nova campaña que esta mañá presentouse na sede da CEO. Esta iniciativa promocional, que pretende dar visibilidade ao pequeno comercio e dinamizar as compras nel, foi explicada pola presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez, que estivo acompañada por outros membros desta entidade, os vicepresidentes Enrique García e Margarita Díaz, e o secretario Jesús de Deus.

A campaña desenvolverase durante unha semana en cada localidade participante, desde este 8 de outubro que comeza no Barco, ata o 8 de novembro que remata en Barbadás, de xeito que nos municipios participantes sucederanse as datas de celebración para que nun mes esta promoción chegue a todos os recunchos da provincia. (Achégase calendario completo con esta nota).

Mecánica e premios

O funcionamento é sinxelo e accesible a calquera cliente. No período de vixencia da campaña en cada localidade, o cliente que comprase no comercio local e queira probar sorte, ten que gardar as súas tickets para trocalos por participacións o último día de campaña nunha carpa que se habilitará para este remate durante 2 horas, e na que se realizará, a seguir, o sorteo que será presencial e cunha urna onde se depositarán as participacións. Cada 10 euros de compra poderanse trocar por unha participación no sorteo e o gañador ou gañadora ha de estar presente na carpa no momento da extracción das papeletas premiadas.

En total, repartiranse 12.000 euros en formato de tarxeta prepago para gastar no pequeno comercio. En Ourense cidade póñense en xogo 2.100 euros repartidos en 4 premios de 300 euros e 18 de 50 euros; mentres que a cantidade para cada vila é de 900 euros, distribuídos en 2 tarxetas para gastar 300 euros cada unha, e outras 6 por valor de 50 euros. Esta repartición obedece ao censo tanto de poboación como de comercios da capital con respecto ás localidades participantes.

Localidades participantes e calendario

A campaña desenvolverase entre o 8 de outubro e o 8 de novembro nas localidades do Barco de Valdeorras, Allariz, Xinzo de Limia, Verín, Ourense, Ribadavia, Celanova, O Carballiño, A Pobra de Trives, Castro Caldelas, Maceda e Barbadás. Para iso, a Federación de Comercio conta coa colaboración e apoio das asociacións de comerciantes destes municipios. Neste sentido, Beatriz Gómez quixo destacar na súa intervención a cooperación destas entidades, así como a dos 3 concellos que non contan con asociación comercial: Allariz, Trives e Castro Caldelas; e o apoio de Abanca e Femxa para desenvolvela. A campaña está organizada polas federacións comerciais de Ourense e Galicia e conta tamén co apoio da dirección xeral de Comercio dependente da consellería de Economía, Industria e Innovación.

A presidenta do colectivo en Ourense aproveitou para comentar a difícil situación que atravesa o pequeno comercio, que trata de seguir resistindo ante o panorama de crise que atravesa o sector. Por iso sinalou que campañas deste tipo son moi positivas, así como ‘necesarias para darlle visibilidade ao pequeno comercio, que é fundamental para a creación de riqueza, emprego e dinamización das cidades’.

Finalmente, Gómez cualificou de boa noticia a proposta do Concello de repartir 100 euros a cada habitante da cidade para a campaña do Nadal para destinar a comercio, hostalería e actividades profesionais, unha formulación que espera que sexa aprobado polo pleno e poida levar a cabo. Tamén confía en que a Xunta volva convocar en breve a campaña Bonos Activa Comercio, lanzada hai un ano para reactivar as compras no pequeno comercio despois das restricións ocasionadas pola pandemia.