«Educación século XXI», de Afundación, retoma a súa nova edición con temas esenciais para toda a comunidade educativa

 A necesidade de consolidar un marco de educación asentado en valores éticos e de comprensión e apoio recíproco de toda a comunidade educativa é un dos principios que se seguen nas actividades didácticas desenvolvidas en Afundación. «Educación século XXI» de Afundación, a Obra Social de ABANCA, é un programa no que se quere destacar a importancia dunha educación asentada en valores no que docentes, nenas e nenos e as súas familias poidan coñecer técnicas, mecanismos e estratexias que favorezan a convivencia na contorna escolar para a consolidación dunha sociedade cohesiva e solidaria na que a igualdade e o respecto sexan os alicerces das relacións interpersoais.

Nesta nova edición do programa continúanse abordando algunhas das casuísticas de maior interese por parte das diferentes partes integradoras da comunidade educativa. Así, desde o uso das novas tecnoloxías, a adicción nas súas moi diversas manifestacións, a creatividade na aula como mecanismo de aprendizaxe e de autorrecoñecemento, o desgaste neuronal producido polas adiccións o suicidio son algúns dos fíos condutores deste novo ciclo de charlas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Conferencias para público escolar

A conferencia inaugural da nova edición deste ciclo terá lugar o próximo 13 de outubro na Sede Afundación de Santiago de Compostela ás 11.30 h. Correrá a cargo do psiquiatra e psicoterapeuta Luís Ferrer i Balsebre e leva por título «Falemos do suicidio». O seu contido está pensado para un público escolar a partir de 3.º de ESO. As inscricións pódense formalizar desde aquí.

O 9 de novembro, tamén na Sede Afundación de Santiago de Compostela e á mesma hora, a investigadora da USC Patricia Gómez Salgado tratará en «Adolescentes e tecnoloxía» os conflitos de identidade persoal e de reprodución de roles estereoptipados ou condicionados para un público a partir de 3.º de ESO.

O 17 de novembro, ás 11.30 h, será a quenda de docente e pedagoga Patricia García para abordar, na Sede Afundación Pontevedra, «A creatividade na aula», un mecanismo para favorecer a participación e o interese polo desenvolvemento de contidos nunha clase e, moi especialmente, para que as persoas descubran que todas somos creativas, xa que a creatividade é múltiple e diversa. A idade recomendada para esta conferencia é a partir de 12 anos.

O 25 de novembro, a Sede Afundación Ourense acollerá, ás 11.30 h, a intervención de Manuel Isorna, psicólogo e formador, «As neuronas que van fuxir saúdanvos». Nela abordará os efectos irreversibles, a nivel neuronal, das condutas aditivas tanto a determinadas substancias como ás tecnoloxías. Esta conferencia impartirase tamén o 16 de decembro ás 11.30 h na Sede Afundación Lugo.

Todas as conferencias poderán ser seguidas en directo a través de Afundación TV, previa formalización da inscrición.

Conferencias para público adulto

O 27 de outubro, ás 19.00 h, a docente e pedagoga Patricia García abordará, na Sede Afundación Ferrol «A creatividade na aula», un mecanismo para favorecer a participación e o interese polo desenvolvemento de contidos nunha clase e para comprender que a creatividade nos é un concepto unívoco, senón que adopta diversas manifestacións en función das áreas de interese de cada persoa.

O 3 de novembro ás 19.00 h Antonio Rial, psicólogo social e profesor da USC, tratará os posibles conflitos e dúbidas das novas tecnoloxías no proceso da educación na Sede Afundación Pontevedra. «Eramos poucos e chegaron as TRIC. Claves para educar na era dixital» procurará ser un foro no que relacionar a integración da tecnoloxía co día a día da infancia e adolescencia dun modo beneficioso.

O 14 de decembro ás 19.00 h na Sede Afundación Santiago de Compostela, o psiquiatra e psicoterapeuta Luís Ferrer i Balsebre conducirá a charla «Análise e prevención da conduta suicida», na que se abordarán cuestións esenciais dun drama que, como sociedade, é necesario afrontar para dispoñer de pautas para a súa prevención.

Todas as conferencias para público adulto serán tamén accesibles desde Afundación TV, previa formalización da inscrición.

Esta nova edición de «Educación século XXI» está incluída no programa «Cultura por alimentos», mediante o cal Afundación, en colaboración con FESBAL, anima á doazón de produtos perecedoiros a modo de entrada solidaria, que se poderán depositar nos contedores habilitados para o efecto nos espazos de Afundación, para a súa posterior entrega ao banco de alimentos local.