O concello do Carballiño mantén aberto o prazo para as subvencións de actividades culturais ata o día 21

O Concello do Carballiño mantén aberto, ata o vindeiro 21 de outubro, o prazo para presentar as solicitudes correspondentes para acceder ás subvencións destinadas ás asociacións e institucións culturais sen ánimo de lucro. As mesmas teñen como obxectivo apoiar a realización de actividades culturais durante o presente ano 2022.

O extracto da <Convocatoria para a concesión de subvencións para a organización de actividades culturais a asociacións e institucións culturais sen ánimo de lucro do municipio do Carballiño> foi publicado no Boletín Oficial da Provincia de Ourense do pasado 21 de setembro e o prazo de presentación das solicitudes é dun mes.

AVANTAR ACTIVIDADES

As bases da convocatoria teñen por obxectivo regular a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a propostas destinadas a realizar actividades culturais e de animación sociocultural para o ano 2022.

Poderán optar ás axudas as asociacións e institucións culturais legalmente constituídas, sen ánimo de lucro, co seu domicilio social no Carballiño e debidamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións cunha antigüidade de, polo menos, seis meses.

O Concello do Carballiño conta cunha partida en orzamentos de 6.000 euros para esta convocatoria e a axuda máxima por beneficiario fíxase en 3.000 euros. As subvencións do Concello carballiñés serán compatibles con outras outorgadas para o mesmo fin, sempre e cando o importe total das subvencións non supere o investimento do 100% previsto para as actividades obxecto da subvención.

Como xa se sinalou, o prazo de presentación das solicitudes é dun mes, contado a partires da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, sendo o día 21 de setembro o da publicación no BOP.