Xulio Dobarro. O Irixo: A Pena da Sela plató de “Carballeira” -Tvg: fusión de tradición e modernidade.

Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo


“María Mera percorre Galicia con “Carballeira”, programa de telerrealidade que descobre lugares descoñecidos a través da vida dos seus veciños, enchendo de emoción con historias de encontros e realidades, ledicias e tristezas, música e humor”.

AVANTAR ACTIVIDADES

  A TVG non podía entrar con mellor pé no concello do Irixo o pasado sábado día 1 de outono coa presentación en riguroso directo durante dúas horas -que dan para moito como se viu- do programa “Carballeira”, para o que contaron cun día de verán e coa extraordinaria colaboración dun grupo de persoas da parroquia de Corneda, outras en representación da “Marca O Irixo” e cunha exposición de produtos de elaboración artesanal. O lugar para a gravación, e respondendo ao título da emisión, non puido ser mellor escollido: a carballeira da Pena da Sela onde, como será ben sabido por todos os -sempre amables- lectores, se celebra a romaría na honra da Virxe do Carme todos os primerios domingos do mes de Santiago.

María Mera, actriz, e presentadora neste caso, inicia a ronda de entrevistas na compaña de Visita do Concieiro e José Manuel, o seu fillo

 Foron varias as persoas entrevistadas ao longo da emisión, pero o traballo de preparación xa se iniciara uns días antes percorrendo varios lugares da parroquia de Corneda para a recollida de imaxes que se foron intercalando ao longo das entrevistas para ambientar e ampliar a información que en directo sería materialmente imposible introducir.

 Pois ben, foi a partir das catro da tarde cando os primeiros entrevistados, Visita e J. Manuel, son o foco de atención da cámara. Visita foino, especialmente, en representación do que podemos chamar a tradición, e J. Manuel unha especie da promoción de enlace co que ía vir a continuación.

 A espontaneidade e as ocorrencias de Visita non pasaron desapercibidas para o público presente e os  televidentes, así como unha serie de reflexións sobre a vida na que, por exemplo, aconsellaba aos xoves sobre a importancia de contar con casa propia unha vez dado o paso do casamento, e como exemplo de muller traballadora, que,cos seus oitenta e sete anos, practicamente mantén unha vida activa como unha moza. Algo ao que responde a copla que logo interpretaría Maruja, outra veciña, cando se soltou a cantar:

 “As mulleres de Galicia

  sonche as máis traballadoras,

  van á feira, fan o caldo,

  e tamén son labradoras”

 O traballo de Visita non se reduce ao coidado da horta, do invernadoiro, das galiñas, etc. senón que tamén colabora co fillo no seguimento dunhas colmeas que a teñen abondo ocupada coa invasión dos “abesouros asasinos” (Velutinas), das que hai días que pode matar desde corenta a cen exemplares, especialmente nestes días que se achegan ata alí para comer das árbores froiteiras e das cepas, que J. Manuel coida con agarimo. Con respecto á súa dieta, non dúbida en sinalar que, ademais de comer ben, gústalle un, ou algún máis vaso de viño á comida, especialmente, segundo o alto concepto que tiña con respecto ao viño da casa, se se trataba do “Requilante”, algunhas veces traído desde Santiso onde tiña familia.Nunha segunda entrevista, e nun alarde de forza, fixo unha demostración de como antigamente se debullaba o millo cunha pequena máquina, que superou a máis antiga de facelo todo á man, ademais dunha lección de pesas e medidas coa mostra de dúas tegas, unha para o millo (½ ferrado= 20 libras) e outra para o centeo ( ½ ferrado= 15 libras) .En resumo: unha vida exemplar e para a que desexamos moitos anos máis e así de ocorrente.

 Niño de velutinas nese mesmo día, nun lugar próximo á Pena da Sela

 Do Concieiro tamén é Lourdes, mulller recentemente asentada no lugar, de orixe inglesa, á que Visita brindou toda a súa colaboración para que se integrara, e así non dubida en agasallala con froitos da horta para facer o caldo -Non é como no caso da pelicula Malencolía rodada na Fraga-O Irixo, na que os protagonistas son agasallados pero cun triste desenlace-.Así, se para os veciños segue sendo “A Inglesa”, para Visita xa é Lourdes, pero , polo que non semella estar disposta a pasar é pola renuncia ao idioma: “-Ten que aprender o galego, no lle queda outra”.

 A outra parella de entrevistados, pero neste caso unidos polo sacramento do matrimonio e algunhas afeccións en común relacionadas co mundo do motor, foi a de Raúl  e Marisa, industriais xubilados do mundo da panadería, despois de trinta e cinco anos,  aos que está relevando o seu fillo Raúl no lugar da Pedriña. Segundo el mesmo relatou, é coñecido por “ O Vello Tolo” entre algúns veciños da parroquia, pola súa afección desde pequeño cando construía coches cos nabos da horta mentres quedaba ao coidado dos seus irmáns cando os seus pais ían á feira. A muller comenta que na súa casa xa non queda oco nin para un pequeño xardín porque a chatarra de coches ocúpao todo. Xustifícase el aclarando que para poder contar con vehículos adaptados ás súas “necesidades” ten que sacar pezas que vai precisando segundo o caso. Por exemplo “tunear” unha bici con tracción dianteira e traseira, coa que chega a facer unha demostración sobre o terreo. Efectivamente, dou fe de que, ademais de porcos, cabalo, galiñas e furgonetas para a distribución do pan, hai unha basta mostra de “recursos técnicos” para o atomóbil.

 Despois da primeira actuación musical de Sabela, chegou a quenda da senlleira parella de irmáns, J. Manuel e Óscar. -Desde logo, o nome do segundo é un presaxio na carreira dos óscares na sección de telenovela rural cando esta modalidade se oficialice en Holliwood. Segundo as súas palabras : “Viven xuntos, traballan xuntos, discuten xuntos…”

Visita, Sabela, e Juan Manuel caracterizado como actor principal para “Cañaveral de paixón”

 Non vén ao caso estenderse máis sobre a súa extensa e intensa biografía na que se combina o rural e o urbano de xeito orixinal e creativo. Óscar, ademais de guionista, protagonista, director, cámara e creador de “Cañaveral de paixón” ten que colaborar nas tarefas da casa e no coidado da facenda -unha manda de vacas cachenas-.

 Con respecto a Juan, e a xeito de resumo do seu currículo, este pasa polo coidado das cachenas, que por algo é o presidente da asociaciónde gandeiros do Irixo, sancristán, concelleiro na actual corporación local, traballador na Residencia de maiores das Laxas, e actor de recoñecido prestixio pola súa capacidade como actor protagonista na telenovela que xa ten acadado miles de visitas nas redes sociais.

 Nestas angueiras cotiás contan coa colaboración de amigas que se foran coñecendo na xuventude pola vila do Carballiño, como Tania e Andrea, que participarán xunta cor irmásn na “performance” na que se viviu o desenlace tráxico da telenovela.

 Na quenda dos entrevistados, tamén ocupou un intre moi agarimoso o da participación da súa nai, Milagros, que, con amor de nai, e, a pesar dalgunha anécdota curiosa ou outras máis sentidas, non deixa de mostrarlles o seu afecto e a súa axuda en todo o que pode.

 Parte do público, entre o que se atopa alá ao fondo a competidora de Sabela en versión local, Maruja do Concieiro

 Vai ser Maruja do Concieiro, viúva de Basilio, a que aos seus 87 anos rompe coa súa voz o silencio da carballeira, pois, segundo Óscar é un diamante que hai que aloumiñar por contar cun amplo repertorio de cántigas populares, que non só coñece a letra, senón que tamé as pode acompañar de pandeireta.

 María Mera, na presenza dun queipo con castañas asadas, e entrevistando a Maruja, obtén as respostas a algunhas curiosidades que aquela lle presenta. Así, lembra que era costume erguerse cedo, denantes que o dono chegase ao souto, e iren apañar as castañas caídas do restrelo, ou que cando ían coas vacas para o monte asábanas cunha pouca frouma; as cocidas só con auga e sal e, segundo os gustos, condimentadas con algo de néveda ou loureiro. O maís emotivo foi cando se arrancou a cantar , aínda que ela se fixera algo de regar, porque :-”Eu cantar cantaba, pero gracia teño pouca; quedoume no lavadorio, cando fun lavar a roupa”.

 Foi a partir dese momento,e perdida a vergoña aos seus oitenta e sete anos, cando se ceibou  a cantar con moito tino estas loas:

“Viva O Campo, viva O Campo,

San Cosme xa ten a sona;

a parroquia de Corneda

é a flor de España toda”

 Neste caso, e se cadra como ben suxería unha das persoas que colaboraba coa presentación dos produtos da “Marca O Irixo”, Mª José en colaboración con Gloria, a creación desta cántiga puido inspirarse na rivalidade que entre as parroquias do concello era algo habitual e no caso de Cusanca-San Cosme e a de Corneda- Santiago, estas sempre tiveron algo especial para ben , e de aí quizais se teñan derivado algunhas iniciativas emprendedoras da súa man.

 Unha das cántigas que suxeriu maior simpatía e acollemento entre o público -supoñemos que tamén entre os televidentes- polo ton crítico, retranqueiro ou quizais de denuncia dos matrimonios amañados foi esta:

 “El día que yo me case

quiera Dios que no aparezca

ni el cura, ni el sancristán,

ni las llaves de la iglesia”

  Entre os produtos presentados por dúas mulleres, puidemos desfrutar da degustación das marmeladas que baixo a marca “As Curuxas” nos brindou Esther da Ponte e por outro lado, das receitas de Silvia Garriga sobre a elaboración de xabóns e xampús para peles sensibles.

 Así foron discorrendo dúas horas en directo da TVG desde a Pena da Sela -ainda que nos subtítulos se daba como realizado desde Santiago de Corneda-, cando xa tocaba a despedida con dous sorteos de senllas cestas de produtos locais, unha entre o público e outra con chamada telefónica, e unha interpretación de música tradicional a cargo de “Feitizo de pau”, que, como dicía outra copla popular ambientada no mesmo lugar: –Se vos gustou esta peza, tocarémola outro día, que son as doce da noite, acabou a romería”.

 Na miña -sempre modesta- opinión, o programa “Carballeira” no que se fusionan tradición e modernidade, acada un nivel de alta calidade que responde a dous dos obxectivos cos que tradicionalmente fora concebida a televisión: información e entretemento.Beizón a todo o equipo de profesionais que o levaron a cabo, ademais da veciñanza de Corneda que participou activamente na súa posta en escena.

A Pena da Sela-O Irixo. Outono de 2022.

Xulio Dobarro Ferradás.


Outros artigos de Xulio Dobarro

Xulio Dobarro. “O Irixo: “trabucos” e “remesas” sen retorno”

Xulio Dobarro: “O Irixo: augas, fontes e seca “

Xulio Dobarro: “O Irixo: auga e lume confrontados. tradición (culta) e popular”

Crónica de Xulio Dobarro: O monte de Saavedra (o Irixo):”o Penedo dos Corvos”: un ben cultural e natural calcinado

Ao pé do Viñao (o Irixo) e o Arenteiro

Carmen Conde Abellán, afectos e saudades galegos (Dadín-O Irixo)

O Tellado (parroqia de Cusanca, O Irixo) Feira bicentenaria

A Pena da Sela, Romaría única no concello do Irixo (San Pedro de Dadín )

O Irixo-Dadín, berce da poeta Carmen Conde Abellán, mártir, heroína e primeira muller en sentar na R.A.E.

O Irixo: Corneda castrexa,señorial e dona de seu

O Irixo. maio florido, maio festivo :da Fátima ao Tellado

O Irixo: a Fraga-San Cosme de Cusanca plató de cine de…

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” II

O Irixo: ” Un vindeover/ Espectaculo Primaveral ” I

O Irixo: ” Un vindeover no cadabullo ( I ) “

O Irixo, escaparate centenario da emigración

O Irixo: construcións adxectivas ou complementarias da casa vivenda e outras obras (IV)

O Irixo: Construcións do pagán ao Sagrado: Igrexa, Capela,Reitoral, Cruceiro…(III parte).

O Irixo: A casa-vivenda e a nosa contorna. Construción tradicional (II parte)

O Irixo: A terra dos mil cincocentos hórreos, muíños e fornos. Construcións Tradicionais (I)

O Irixo, unha inmensa fraga, fonte de osíxeno e depósito de dióxido de carbono

O Irixo: dous camiños de ferro “paralelos”.”crónica dunha morte anunciada”

Xulio Dobarro: “Penedo da Ucha – Crónica”

Xulio Dobarro fai a crónica da andaina solidaria “Camiña pola Igualdade” que tivo lugar este sábado no Irixo

O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”

Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor

O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”

O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.


VIDEO SPOT O IRIXO en BADAL TV