A Xunta declara de utilidade pública a aldea modelo de Cortegazas en Avión

A XUNTA DECLARA DE UTILIDADE PÚBLICA AS ALDEAS
MODELO DE SOUTOGRANDE EN VILARIÑO DE CONSO,
CORTEGAZAS EN AVIÓN E FERREIROS EN AMES

O Consello do Goberno galego deulle o visto e prace á declaración de utilidade
pública e de interese social destas aldeas modelo co obxecto de axilizar a súa
tramitación
 Entre todas elas, porán en valor máis de 57 hectáreas arredor dos núcleos de
poboación que buscan dinamizar, con case un milleiro de parcelas implicadas de
preto de 200 propietarios
 En total, actualmente hai 21 aldeas modelo declaradas en Galicia para recuperar
case 600 hectáreas distribuídas en máis de 9.000 predios de máis de 2.000 titulares,
co obxecto de xerar actividade económica que contribúa a fixar poboación e a
avanzar na anticipación aos incendios

AVANTAR ACTIVIDADES

O Consello da Xunta deulle hoxe o visto e prace á declaración de utilidade pública e de
interese social das aldeas modelo de Soutogrande, no concello ourensán de Vilariño de
Conso; Cortegazas, no tamén municipio ourensán de Avión; e Ferreiros, na localidade
coruñesa de Ames. Trátase da segunda serie de aldeas declaradas tras a entrada en
vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e ás que, polo tanto, se lles
aplica esta novidade, que implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese
público para a tramitación de urxencia do seu procedemento e dos informes ambientais
e sectoriais respectivos.
Esta declaración de utilidade pública permitirá axilizar a posta en valor de máis de 57
hectáreas arredor dos núcleos de poboación que se busca dinamizar, con case un
milleiro de parcelas implicadas de preto de 200 propietarios. En concreto, a aldea
modelo de Soutogrande, en Vilariño de Conso, ten unha superficie de 33,50 ha,
distribuídas en 99 predios de 46 titulares catastrais. Canto a de Cortegazas, en Avión,
abrangue 15,11 hectáreas, repartidas en 727 parcelas de 99 propietarios. Por último, a de
Ferreiros, en Ames, conta con 8,55 ha, con 128 parcelas implicadas de 52 titulares.
Tras estas declaracións de utilidade pública e interese social, o seguinte paso será
aprobar os proxectos de ordenación produtiva, nos cales se delimitarán -entre outros
aspectos- os usos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nas aldeas
modelo e as obras e infraestruturas necesarias para a súa posta en produción, así como
as operacións de limpeza para os predios que asuman o compromiso de adhesión ao
Banco de Terras de Galicia.
De ser necesario, poderanse levar a cabo tamén traballos de investigación da
titularidade daquelas parcelas das que se ignore quen é o seu dono. Finalmente, a
Axencia Galega de Desenvolvemento Rural -dependente da Consellería do Medio Ruralrealizará a convocatoria dun procedemento de concorrencia competitiva para a
selección de propostas de cara ao aproveitamento de parcelas incorporadas ás aldeas
modelo.
Cómpre lembrar que as aldeas modelo son unha das principais figuras de posta en valor
que recolle a Lei de recuperación da terra agraria, xunto cos polígonos agroforestais e
as agrupacións de xestión conxunta. En total, actualmente hai 21 aldeas declaradas en
Galicia, para recuperar case 600 hectáreas distribuídas en máis de 9.000 predios de
máis de 2.000 titulares.
Mediante estes instrumentos, perséguese avanzar na procura da recuperación da
actividade económica e social dos terreos de antigo uso agrícola, gandeiro e forestalparticularmente daqueles que se encontran en situación de abandono e infrautilización-,
así como dos núcleos incluídos neles. O obxectivo é fixar poboación e mellorar a calidade
de vida nestas zonas, ao tempo que se aumenta a seguridade das persoas e dos seus
bens ao exercer este aproveitamento das terras de devasa natural fronte aos incendios
forestais.