O Psdeg consegue a aprobación dunha moción para impulsar unha nova folla de ruta que permita desbloquear “dunha vez por todas” o futuro urbanístico de Ourense

O grupo socialista tamén defendeu unha iniciativa para esixir que o Concello amplíe as axudas para comedor e material escolar e que a Xunta recupere a gratuidade dos libros de texto

A moción para a erradicación da trata, a prostitución e a explotación sexual non contou co voto a favor do grupo de goberno, Ciudadanos e o concelleiro tránsfuga, Laureano Bermejo

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 7 de outubro de 2022. O PSdeG-PSOE vén de conseguir a aprobación en pleno dunha moción para impulsar unha nova folla de ruta que permita desbloquear “dunha vez por todas” o futuro urbanístico da cidade, paralizado a día de hoxe “pola herdanza envelenada da era Cabezas” e as “ocorrencias” do alcalde Jácome. A través desta iniciativa, as e os socialistas esixían que o Goberno local procedese á convocatoria da comisión de seguimento do PXOM e que se actualizase o documento inicialmente aprobado en 2013, coa finalidade de apuntalar a súa seguridade xurídica e evitar unha nova caída do plan coma a acontecida en 2011.

A iniciativa de consenso contou cos votos a favor de toda a corporación, excepto dos edís de Democracia Ourensana e Laureano Bermejo, que se abstiveron. Nun xesto de xenerosidade e altura de mira política, o grupo socialista aceptou a emenda de substitución presentada polo PP, pola que se traballará nunha proposta de aprobación do PXOM actual, coa vontade de “mirar cara ao futuro” e “desbloquear o antes posible un documento do que dependen o urbanismo, o termalismo e o futuro dos nosos fillos e fillas”, manifestou a socialista Natalia González.

A socialista tamén se pronunciou durante a súa intervención sobre o cambio de postura expresado polo Partido Popular, que por primeira vez apoia a segunda exposición ao público do plan: “ao PP dámoslle a benvida, xa que nestes tres anos nin sequera convocaron a comisión de seguimento nin de redacción do plan, mais agradécese que rectifiquen, porque é de sabios. Só agardo que o motivo deste cambio sexa a responsabilidade coa cidade de Ourense”, manifestou González, quen reiterou “benvidos señores e señoras do PP a esta nova folla de ruta para o desbloqueo do futuro urbanístico da cidade. A ver se é certo que podemos superar a herdanza de Cabezas e Cudeiro e facer política con maiúsculas”.

O grupo socialista tamén defendeu unha iniciativa para esixir que o Concello amplíe as axudas para comedor e material escolar e que a Xunta recupere a gratuidade dos libros de texto, que foi aprobada coa abstención do grupo de goberno, do tránsfuga Bermejo e do Partido Popular, ao non aceptarse a votación por puntos.

“Por que no Concello de Ourense non se pode dar a gratuidade de libros de texto e de comedor, nun contexto de crise? En xeral, estamos por detrás do resto dos concellos galegos en materia de prestacións” lamentou o voceiro socialista, Rafa Villarino, quen convidou ao Goberno local a “apostar polo que fan os mellores e seguir a liña do Goberno do Estado”.

Na súa exposición, Villarino tamén lle afeou á Xunta que continúe a precarizar un servizo tan básico como a educación, prescindindo de docentes e pechando aulas nun inicio de curso escolar especialmente duro para as familias, polo encarecemento do custe de vida derivado da guerra de Putin en Ucraína.

“Como é posible esta falta de sensibilidade nunha administración pública cando precisamente están a recibir millóns de euros do Estado?”, inquiriu o socialista ante o recorte nas partidas orzamentarias de educación mentres o Goberno do Estado vén de anunciar unha transferencia de 58,8 millóns de euros para as CCAA.

Por último, a moción socialista –sen a emenda nacionalista, que foi rexeitada– para a erradicación da trata, a prostitución e a explotación sexual foi aprobada coa abstención do grupo de goberno, Ciudadanos e Laureano Bermejo.

No texto da iniciativa, PSdeG-PSOE de Ourense insta á Xunta e ao Concello de Ourense á posta en marcha de políticas públicas orientadas á “absoluta erradicación” da trata, unha lacra que afecta especialmente ás mulleres e nenas, que representan o 71 % das vítimas en todo o mundo, segundo os datos de Nacións Unidas.

Neste defensa da iniciativa promovida polo PSdeG-PSOE a nivel galego e aprobada este xoves no Parlamento de Galicia, a edil Concha García defendeu a abolición da prostitución, sinalando que “o traballo sexual non existe e a elección libre da prostitución é un mito que só beneficia aos proxenetas e aos puteiros”.

A respecto da emenda de engádega presentada polo BNG, a socialista aclarou que non podían aceptala por facer referencia á prostitución forzada: “toda prostitución é forzada, non existe a liberdade de elección e por tanto debemos votar en contra desta modificación porque perverte a esencia da nosa iniciativa”.