Miguel Anxo Fernández Fernández: Escritor, crítico de cine , historiador e Doutor en Comunicación Audiovisual
16-TERRAS DO CARBALLIÑO E OS SEUS ESCRITORES. Xosé Lois Sobrado Pérez (Feás, Boborás, 1960).
Licenciado en Xeografía e Historia pola USC, mantén unha intensa labor nos eidos da arqueoloxía (participou en escavacións entre 1979 e 1996) e da investigación (en particular a historia local e comarcal da área do Carballiño e o Ribeiro), ademais de activista historiador, que no caso da vila do Arenteiro, foi membro fundador e primeiro presidente (desde 1994 a 2005, e despois de 2012 a 2020) do Centro de Estudios da Comarca do Carballiño “Chamoso Lamas”, e como tal membro do consello de redacción da súa revista Argentarium.
Xa desde finais dos anos 80, Sobrado e outros compañeiros da vila xa teimaban na idea de promover estudos locais diante da súa escaseza naqueles intres. A súa actividade comezara xa unha década atrás, naqueles anos 70 de moi fervenza cultural na vila, como un dos fundadores e tamén directivo do Ballet Galego Eiras Nosas, xurdido a finais desa década e que chegou a despuntar polo país e fora del, á espera tamén dun rescate historiado da súa memoria.
Igualmente membro fundador do Grupo Arqueolóxico Larouco e como tal participante no consello de redacción da revista homónima. Foi fundador e presidiu a Asociación Cultural Vagalume de Boborás. Activo participante en congresos e xornadas, mesmo desde a organización ou presentando relatorios, o corpus da súa obra escrita consta de numerosas publicacións individuais ou colectivas, en particular sobre a comarca do Carballiño, tanto na súa historia como na súa antropoloxía, ata ser o autor máis prolífico neste campo, coa divulgación como primeira meta.
Ao seu berce dedicou “Xuvencos: historia e tradición” (1996), sendo un experto na Festa das Mudacións e a súa Danza de Xuvencos, das máis antigas de Galicia, da que din se orixina nas danzas gremiais da idade media, e da que se ocupa na súa publicación.
Seguiulle “Astureses: un paseo pola historia” (2001), modélica monografía (que debera aplicarse a outras das Terras do Carballiño e do Ribeiro) arredor da citada parroquia, e que dúas décadas despois pide a berros unha digna reedición, mesmo actualizada.
Ese mesmo modelo, coas lóxicas derivadas das circunstancias de cada territorio, vainas aplicar o autor a monografías como “Albarellos. Historias de viño e auga” (2002); “El antiguo Coto de Gomariz”, rematado en 2005, parado por diversas circunstancias e agora maquetándose por fin en Madrid; “O Couto e parroquia de Partovia. Evolución dunha parroquia de dominio monástico (1100-1930)” (2005).
Ten participado en numerosas obras colectivas como “Os muíños de auga do río Arenteiro: evolución histórica dende a Idade Media ata os nosos días, en coautoría para “Homenaxe á Profesora Lola F. Ferro. Universidade de Vigo” (2005); “As fábricas de papel na comarca do Carballiño” (2010), en coautoría con Francisco Fumega; “Madarnás. Camiñando na historia” (2013), en coautoría con Francisco Fumega, Jorge Lamas e Juan José Álvarez; “O proceso de electrificación do noroeste ourensán. Un modelo paradigmático da difusión da electricidade en Galicia” (2015), en coautoría con Francisco Fumega; “As arquitecturas históricas do viño. Polos ribeiros do Miño e do Avia” (2020), como coordenador e coautor con Juan José Álvarez, Diego Reboredo e Jorge Lamas.
Outros artigos de Miguel Anxo Fernández Fernández
Terras do Carballiño e os seus escritores (XV) : ” Jorge Emilio Bóveda “
Terras do Carballiño e os seus escritores (XIV) : “Lito Vila Baleato “
Terras do Carballiño e os seus escritores (XIII) : “Pablo Nogueira Campo “
Terras do Carballiño e os seus escritores (XII) : “Ramón Caride Ogando “
Terras do Carballiño e os seus escritores (XI) : “José Manuel Mouriño”
Terras do Carballiño e os seus escritores (X) : “Xosé Prada Martínez”
Terras do Carballiño e os seus escritores (IX) : “Manuel Chamoso Lamas”
Terras do Carballiño e os seus escritores ( VIII) : “Xosé Manoel Rodríguez”
Terras do Carballiño e os seus escritores ( VII) : “Ismael González Díaz”
Terras do Carballiño e os seus escritores ( VI) : “Víctor Campio Pereira”
Terras do Carballiño e os seus escritores ( V) : “Ánxel Sevillano García “
Terras do Carballiño e os seus escritores ( IV) : “Antón Losada Diéguez”
O Carballiño e os seus escritores ( III) : ” Benxamín Vázquez González “
O Carballiño e os seus escritores ( II) : ” Xosé Fariña Jamardo “
Terras do Carballiño e os seus escritores ( I) : ” Aurelio Miras Azor “