Ledicia Costas, gañadora da XX edición do Premio de Poesía Afundación

I O galardón, convocado por Afundación en colaboración co Centro PEN de Galicia, conta co patrocinio da Xunta de Galicia

I Á convocatoria desta edición presentáronse un total de 32 obras inéditas

AVANTAR ACTIVIDADES

I Co gallo do vixésimo aniversario, Afundación publicará unha antoloxía coa escolma de poemas de todas as persoas premiadas, tamén de Ledicia Costas

06.10.2022. Ledicia Costas gaña, co poemario Ultraluz e baixo o lema Kodama, a XX edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 32 obras inéditas. A resolución do xurado, composto por Estíbaliz Espinosa, Ánxela Gracián e Luciano Rodríguez, como representantes vogais e profesionais da escrita; Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado, tivo lugar ás 18.15 h na Sede Afundación Santiago de Compostela (rúa do Vilar, 19). No acto estiveron presentes, ademais dos membros do xurado, Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e Pedro Otero, director xerente de Afundación.

As imaxes están dispoñibles aquí:

https://drive.google.com/drive/folders/1SKNmqM3n2wOdYUdujn3P0Vg9H6QQTKNZ?usp=sharing

O xurado considerou que este libro de poemas é «un exercicio de claridade e autenticidade poética cunha decidida vontade de achegar os mundos fantásticos ao noso bosque, logrando unha interacción entre as referencias ao anime e á ciencia ficción. Hai unha interpelación ao lector como axente activo convidándoo a entrar nese mundo de frescor infantil que mestura o abraio e o sombrizo».

Pola súa banda, Pedro Otero, director xerente de Afundación manifestou o seu convencento da necesidade de manter un premio que é xa un referente do panorama literario galego. «De feito, Medos Romero, galardoada na pasada edición, comentaba nunha entrevista que o Premio de Poesía Afundación é visto polas persoas profesionais da creación poética como a gran distinción deste ámbito en Galicia. Esta afirmación reafírmanos na necesidade de conmemorar estes vinte anos de Premio de Poesía Afundación da man de tantas voces querendo ser parte dun certame xa veterano e, como vemos, moi recoñecido. Así, A raíz da conmemoración do vixésimo aniversario, estamos preparando unha antoloxía do Premio de Poesía Afundación, conformada por unha escolma de poemas das vinte persoas gañadoras deste certame. Polo tanto, tamén de Ledicia Costas».

Mentres, Anxo Lorenzo destacou que a galardoada «se incorpora á ampla nómina de premiados con este galardón, e puxo en valor a permanencia e consolidación do Premio de Poesía que celebra vinte anos de historia, un dos premios máis veteranos do panorama literario galego, con ese apoio conxunto das tres entidades e institucións que o consolidamos, o Centro Pen Galicia, Afundación e a Xunta de Galicia.»

O PREMIO

O galardón, que implica a publicación do libro na colección «Arte de trobar» e unha dotación económica de 6000 euros. comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do PEN Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande ou Medos Romero, gañadora da anterior convocatoria.

O premio, que celebra a súa décimo novena edición, conta co apoio e a participación da Xunta de Galicia, cuxa implicación no proxecto garante a estabilidade do galardón e contribúe a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que estimula a creación literaria. Afundación e o Centro PEN de Galicia, tras dúas décadas de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galega, continúan traballando por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.