a Asociación Alarma na Terra de Montes relanza a campaña “OLLO COS AGAPITOS”

Os Agapitos da eólica(axentes enviados polas empresas para conseguir terreos) están
asediando á veciñanza afectada polos proxectos eólicos nas comarcas de Tabeirós e Terra de Montes.
Durante o último mes a Asociación Alarma na Terra de Montes levou a cabo unha importante campaña de información sobre o Parque Eólico Cabanelas que hoxe, 13 de outubro de 2022, remata o seu prazo de exposición pública. A Asociación realizou cinco charlas informativas nas aldeas de Valadelo e Meavía (Forcarei), Sabucedo e Cabanelas (A Estrada) e Tomonde (Cerdedo), ás que asistiron sobre 300 veciños preocupados pola ameaza eólica e a falta de información por parte das administracións locais.


Estes días a veciñanza deu alarma da visita dos “negociadores” de Greenalia, promotora do Parque Eólico Cabanelas e doutros da zona, que se deixaron ver polas aldeas afectadas por este parque e polos de Penizas e Pedra Longa. Lonxe de convocar unha reunión colectiva para facer as súas propostas, chegan queixas pola súa mala praxis, chegando á intimidación e á ameaza de expropiación no prazo dun mes. Esta práctica xa foi usada no 2020 coa veciñanza afectada polo parque eólico Penizas, aínda sen declaración de impacto ambiental, autorización nin aprobación de declaración de utilidade pública.
Ante semellante acoso a Asociación Alarma na Terra de Montes relanza a campaña “OLLO COS AGAPITOS” e recomenda non firmar nunca ningún documento nin negociar coas empresas eólicas ou cos seus axentes se non é de xeito colectivo ou con avogados.
Tamén volvemos a facer fincapé na inacción e desleixo por parte dos concellos, en especial o de Forcarei, que incumpriu reiteradamente o aprobado nos plenos e NON convocou NUNCA a Comisión de Seguimento dos parques eólicos. Presentáronse máis de 1000 alegacións nos rexistros de todos os concellos afectados, a que espera o concello de Forcarei para posicionarse ou actuar?

AVANTAR ACTIVIDADES