Arranca un novo curso na UNED Senior Ourense

Arrinca un novo curso para a UNED Senior en Ourense. O grupo, formado por persoas a partir dos 55 anos de idade en diante, terá clases presenciais os luns e os xoves, no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Este ano comezaron 77 persoas. Foron recibidos pola coordinadora de UNED Senior Ourense, María Concepción Álvarez Gómez e polo administrativo Luís Gulín Iglesias. Álvarez deulles a benvida no seu nome e no do director, e lembroulles que a inauguración oficial do curso para toda a comunidade universitaria de UNED Ourense está prevista nun solemne acto que terá lugar o día 26.
As materias que viron os alumnos veteranos o día 6 de outubro foron A intelixencia emocional, que ten como docente a Esther López Pérez, e Gaia, un planeta que agoniza II, da man de Fabio Tabarés Santalices. Onte, día 10, tiveron, ás 16.30 horas, O nuovissimo cinema italiano, que lles imparte Simone Gerolamo Saibene e ás 18.30 horas, Arte barroca español, da man do profesor Anxo Domínguez López.


A UNED Senior de Ourense cumpre desde hai xa varios anos un importante papel na socialización e formación non regrada das persoas maiores. Para pertencer a ela hai que inscribirse e matricularse. Grazas á Deputación de Ourense, a matrícula está subvencionada de modo que dos 50 euros que custa, o interesado só abona o 50%.
Os asistentes inician ou fortalecen amizades, teñen a mente esperta, porque están cheos de curiosidade por saber máis. As materias que gozan son aquelas que elixen de entre unha vintena que se lles ofertan. En cada clase créase un bo ambiente no que as cuestións que se expoñen desde os estudantes son máis maduras que a dos mozos. O estudante da UNED Senior é unha persoa que se xubilou e que procede de diversos campos, desde amas de casa, a sanitarios, docentes, avogados, traballadores laborais e un longo etcétera. Non hai idade para entrar neste programa formativo. O que une a todas esas persoas é a ilusión por seguir adquirindo coñecementos daqueles temas que son xustamente os que eles demandan.
Este primeiro cuadrimestre comezou o día 6 de outubro e prolongarase ata o 9 de febreiro de 2023. As clases interromperanse do 20 de decembro de 2022 ao 6 de xaneiro de 2023. Tamén o día 8 de decembro.

AVANTAR ACTIVIDADES