O PPdeG esixe un maior investimento nos Presupostos Xerais do Estado para a recuperación das zonas afectadas pola vaga de incendios en Galicia

Paula Prado presidiu xunto a Avelino Souto a reunión da Comisión de Medio Rural, celebrada na sede autonómica popular

Os populares tamén reclaman ao Goberno central medios aéreos permanentes estatais na Comunidade e unha segunda base de helicópteros do Estado, beneficios fiscais no rural, máis fondos para mellorar os regadíos da Limia e impulsar un modelo que defenda as pequenas e medianas explotacións

AVANTAR ACTIVIDADES

• Resaltan a tramitación no Parlamento da Lei de calidade alimentaria, que permitirá que os produtos galegos acaden unha dimensión no mercado máis competitiva favorecendo o desenvolvemento local e a creación de emprego 

O PPdeG lamenta a “clara falta de apoio financeiro” do Goberno central no ámbito forestal e esixe un maior investimento nos Presupostos Xerais do Estado para a recuperación das zonas afectadas pola vaga de incendios que asolou Galicia. Así o expuxo a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, na reunión da Comisión de Medio Rural que presidiu xunto ao coordinador desta área, Avelino Souto.

Os populares criticaron o “insignificante” crecemento nos fondos que destinan ás políticas para o medio rural do vindeiro ano, cuxo incremento é inferior ao 0,3% con respecto á dotación do 2022 —pasa de 8.845 millóns de euros a 8.868 millóns—. “A suba xeral é ínfima fronte á de outras áreas como a dos programas especiais de Defensa ou as subvencións ao transporte. Os Orzamentos Xerais son una auténtica decepción en non se salva ningún ámbito”, asegurou Prado.

A secretaria xeral incidiu en que “non se entende” que tras os lumes que afectaron a todo país non conste nas Contas públicas ningunha referencia concreta á restauración de zonas queimadas, así como tampouco ao Real Decreto aprobado en agosto polo Executivo central de adopción de medidas urxentes en incendios forestais.

Tamén no ámbito da agricultura, gandería e alimentación, os populares cuestionaron que os fondos nacionais tan só se incrementen nun 1,8%, mentres os da Unión Europea reducen a súa contribución nun 1,1%.

“Somos o partido do rural e por iso non deixaremos de pedir o que este medio merece e que debe estar recollido nos Presupostos Xerais do Estado”, dixo Paula Prado mentres explicaba que os populares seguirán reclamando cuestións tan importantes como contar con medios aéreos permanentes do Estado na Comunidade e a creación dunha segunda base de helicópteros en Galicia coa súa correspondente brigada helitransportada.

Logo de afear que os Orzamentos tampouco recollan nada sobre beneficios fiscais no rural, solicitou un maior investimento para mellorar os regadíos da Limia, “un compromiso que non aparece por ningures”, e demandou para o período 2023-2027 da Política Agraria Común atender ás especificidades de Galicia en temas transcendentais como o pago redistributivo ou a configuración das rexións PAC para impulsar un modelo que defenda as pequenas e medianas explotacións de carácter familiar e base territorial.

A NOVA LEI DE CALIDADE ALIMENTARIA

A Lei de calidade alimentaria, cuxa tramitación avanza a Xunta e que se prevé levar ao Parlamento antes de rematar o 2022, foi outro dos temas tratados durante a xuntanza, resaltando que Galicia será a primeira Comunidade en regular unha certificación de sustentabilidade para a produción alimentaria.

O principal obxectivo da nova Lei é que os produtos galegos acaden unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva, favorecendo tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva. De xeito simultáneo, búscase achegar aos consumidores todas as garantías de que o produto que se ofrece pasou rigorosos controis de calidade e estivo sometido a un especial coidado no proceso de produción e comercialización.

Igualmente, a Comisión de Medio Rural analizou outros temas fundamentais para o noso rural como as concentracións parcelarias, a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, o Programa Estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña, a produción de seme sexado e, en materia de axudas, profundouse nas destinadas á valorización da madeira, ás construcións de madeira, aos silvicultores activos, á transformación e comercialización de produtos agrarios, así como nos anticipos da PAC, achegas ás explotacións de vacún e axudas de capital circulante.

Ademais, amosouse a preocupación polas consecuencias que supón a inclusión do lobo la lista de especies protexidas, lembrando que o Goberno central non ten data nin criterios consensuados coas Comunidades para o reparto de fondos por danos ocasionados por este animal á gandaría.