Grazas a esta colaboración a federación apoiará unha xira teatral pola provincia de Pontevedra
A Federación Pola Igualdade Das Mulleres Da Provincia de Pontevedra (Femupo) colaborará co grupo de teatro Mulleres en Igualdade de Mos para apoiar unha xira teatral pola provincia.
A colaboración formalizouse este xoves nun encontro entre a presidenta de Femupo, Raquel Touriño, e as integrantes do grupo de teatro, no que tamén participaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo e a concelleira de Igualdade, Sara Cebreiro.
“Queremos axudar a esparexer a arte deste grupo pola provincia e que as súas integrantes sexan exemplo para outras mulleres xa que, como elas mesmas din, o teatro as libera e as empodera,” explicou Touriño durante o encontro.
A colaboración con Femupo permitirá levar de xira a penúltima das súas obras ‘As Ghaliñas de Mos’, sendo a primeira parada o centro cultural de Cerdedo-Cotobade, o vindeiro 26 de novembro.
O grupo de teatro Mulleres en Igualdade de Mos leva once anos en activo, montando obras que dende o cotiá fomentan a igualdade de xénero. A agrupación naceu en 2011 a raíz dun curso de autoestima organizado polo Concello e tras máis dunha década xa contan con representacións de autoría propia.
As súas doce integrantes afirman que grazas ao teatro, superan complexos, sacan forzas para solucionar problemas familiares, e tamén atopan momentos de evasión.