Manuel Baltar demanda máis peso político para os gobernos provinciais ante o presidente do Comité Europeo das Rexións

O reelixido presidente de Partenalia mantivo na sede do Comité Europeo das Rexións un “cordial e frutífero encontro” con Vasco Cordeiro, no que reclamou “a apertura ás provincias de todos os programas e plans de fondos que neste momento só contemplan aos municipios”

Manuel Baltar pide “un cambio na paisaxe europea para que as provincias gañen protagonismo”: lanza esta mensaxe apoiada no “desempeño demostrado polos gobernos intermedios na execución dos fondos comunitarios” e a “proximidade co territorio e os veciños, e a aplicación da economía de escala na cooperación cos concellos”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 14 de outubro de 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo en Bruxelas unha reunión co novo presidente do Comité Europeo das Rexións, Vasco Cordeiro.

No seu primeiro acto como presidente de Partenalia despois de ser reelixido como líder desta rede europea de gobernos intermedios durante dous anos máis, Manuel Baltar valorou a importancia do “encontro directo, na sede do Comité Europeo das Rexións” entre a directiva da federación e Vasco Cordeiro, o máximo representante da institución comunitaria dos entes administrativos locais. “Unha reunión de traballo cordial e moi frutífera, na que atopamos a complicidade e o agarimo dun home que coñece perfectamente a organización territorial porque foi presidente da rexión autónoma dos Azores”.

O presidente da Deputación de Ourense e de Partenalia trasladou ao presidente do Comité Europeo das Rexións unha “petición moi clara”: a mellora no acceso das administracións provinciais aos fondos europeos. “A demanda é nítida: abrir ás provincias todos aqueles programas e plans de axudas que neste momento só contemplan aos municipios, tendo en conta a nosa capacidade e xestión dos gobernos supramunicipais”. Porque as autoridades locais intermedias de Europa, explicou Manuel Baltar, “deben ter tamén a oportunidade de xestionar estes fondos, porque o estamos facendo satisfactoriamente, como o demostramos noutros programas europeos, executándoos á perfección”.

Manuel Baltar observa “a complicidade de Vasco Cordeiro” ante unha reivindicación “seria e completamente rigorosa, que se apoia no coñecemento do territorio, na proximidade á poboación, en coñecer as oportunidades e os retos de cada provincia e en desenvolver a economía de escala que practicamos as entidades supramunicipais cos concellos, suplindo a súa falta de medios para garantir os mellores servizos públicos aos veciños”.

Esta dinámica de traballo, explica o presidente da Deputación de Ourense, “é a mellor tarxeta de visita para solicitar a modificación da paisaxe institucional europeo e que os gobernos provinciais gañen protagonismo: esperemos que proximamente haxa boas noticias para as provincias europeas”.

Outros temas abordados na reunión co presidente do Comité Europeo das Rexións

Esta reunión é, explica Manuel Baltar, “a primeira de moitas que manteremos proximamente con esta alta institución europea na nova etapa de Partenalia”. Neste encontro con Vasco Cordeiro tamén se puxo de manifesto a necesidade de gañar visibilización o traballo da descentralización de competencias dos gobernos provinciais

Ademais, a delegación de representantes políticos de Partenalia abordou con Vasco Cordeiro o papel dos gobernos provinciais no incremento da resiliencia territorial, en particular, no contexto post-Covid e da invasión rusa en Ucraína.

Na axenda de Partenalia está, explica o seu presidente, seguir sumando peso político para os gobernos intermedios. Nesta liña de traballo queda enmarcada a recente firma do manifesto de Marsella, cuxa petición máis ambiciosa é a de converter en vinculantes as decisións do Comité de Rexións cun impacto directo e innegable nas políticas locais, dando desta maneira un maior peso político e reforzando a democracia europea a través dos representantes políticos locais.