Manuel Baltar, reelixido por unanimidade como Presidente de Partenalia

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi reeligido por unanimidade como presidente de Partenalia durante a reunión do Consello Político da rede europea de gobernos provinciais, celebrada esta tarde en Bruxelas.

Manuel Baltar, que lidera Partenalia desde 2014 e que recibiu o aval para dous anos máis, mostrou ao rematar o Consello Político o seu “agradecemento polo unánime respaldo dos gobernos provinciais dos diferentes países europeos e de todos os signos políticos. Esta é unha mostra de apoio e de confianza para seguir desenvolvendo o programa de goberno desta institución, que é un referente en Europa no ámbito da cooperación territorial”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O reelixido presidente de Partenalia pon o acento no crecente peso específico de Ourense no ámbito europeo: “No novo plan de mandato de Partenalia terá un papel importante esta provincia porque, sen dúbida, ten moito que dicir na cooperación transfronteiriza e na defensa dos valores europeos”.

Despois da súa reelección á fronte de Partenalia, Manuel Baltar reivindica a importancia do traballo en rede no ámbito europeo para “ter unha voz propia en Bruxelas; unha ferramenta para lograr contacto directo coas altas institucións comunitarias e á vez unha plataforma para compartir experiencias e establecer sinerxias con gobernos intermedios situados en contextos similares ao de Ourense”.

Plan de acción 2022-2023

No encontro desta tarde en Bruxelas tamén se detallou o Plan de Acción 2022-2023. Coa participación de altos representantes das principais institucións europeas, o Consello Político de Partenalia abordou temas como o papel dos gobernos intermedios, o fomento da dixitalización das administracións públicas, o desenvolvemento económico sustentable das zonas rurais ou o papel do intermunicipalismo na integración europea.

Dentro do apoio prestado por esta rede europea aos gobernos intermedios para a captación de fondos europeos, a federación prepara unha sesión de formación proporcionando boas prácticas e consellos, alén de organizar reunións dixitais temáticas con directivos comunitarios para axudar a definir as características de proxectos viables.

Ourense acollerá en marzo de 2023 a Conferencia Política da CEPLI

Dentro da xornada de traballo desenvolta hoxe en Bruxelas no marco da Semana Europea das Cidades e Rexións, Ourense quedou oficializada como sede da XII Conferencia Política anual da Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios (CEPLI), entidade vicepresidida por Manuel Baltar e que representa a 1.164 provincias europeas.

Esta proposta do presidente da Deputación de Ourense contou co respaldo unánime da Asemblea Xeral da CEPLI. “Unha nova lombeirada para a posición de Ourense como un referente de boas prácticas no ámbito dos gobernos intermedios e para volver demostrar que esta provincia ten a capacidade para acoller eventos internacionais, como quedou reflectido no Congreso Internacional de Turismo Termal celebrado en setembro baixo a organización da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais”.

Manuel Baltar reivindicou en Bruxelas as apostas de Ourense na eficiencia enerxética e o turismo de proximidade

Antes do Consello Político de Partenalia, Manuel Baltar participou esta mañá en Bruxelas en dous encontros de traballo. “Dous talleres que serviron para achegar a visión de Ourense no ámbito enerxético e o do turismo de proximidade. Son proxectos e plans que merece a pena presentar en Bruxelas, compartilo con outros gobernos provinciais e na sede do poder local, neste Comité Europeo das Rexións”, remarcou o presidente do goberno provincial.

No primeiro, coorganizado por Partenalia e Arco Latino, o presidente da Deputación puxo en valor o traballo realizado polo goberno provincial na potenciación do turismo termal e as oportunidades que abre a chegada da Alta Velocidade, enmarcándoo na revitalización do Ourense rural. Manuel Baltar, que estivo acompañado por Núria Marín, presidenta da Deputación de Barcelona e Arco Latino, destacou o modelo de planificación e programación cultural do goberno provincial, poñendo en valor cuestiones centrais como o termalismo ou a Vía da Prata.

Manuel Baltar tamén interveu no taller da CEPLI “Autoridades locais intermedias promovendo a resiliencia e a eficiencia enerxética”, no que abordou a aposta de Ourense polas comunidades enerxéticas. Un proxecto dotado nos orzamentos provinciais de 2023, e que recolle o impulso para a creación e dinamización de 12 comunidades enerxéticas piloto -en Riós, A Gudiña, A Peroxa, Muíños, Carballeda de Avia, Larouco, San Xoán de Río, Maceda, San Amaro, Os Blancos, A Merca e Montederramo- para favorecer o aforro enerxético de máis de 16.000 ourensáns.

Neste encontro celebrado na sede do Comité Europeo das Rexións, Manuel Baltar compartiu bloque de debate co director de Políticas Enerxéticas da Comisión Europea, Pierre Schellekens; o responsable de proxectos municipais de protección do clima da Axencia de Protección do Clima, Udo Scherer; e o presidente da provincia de Lucca, Luca Menesini.

Ademais, no encontro organizado pola CEPLI tamén participaron a directora do Departamento de Estratexias e Coordinación de Políticas Enerxéticas da Comisión Europea, Cristina Lobillo; a deputada provincial de Barcelona Pilar Díaz – representante do Arco Latino; o presidente da delegación francesa no Comité das Rexións, André Viola; o presidente da provincia de Hainaut e da Asociación de Provincias Valonas (APW), André Viola; e directivos de Partenalia, CEPLI e a Unión de Consellos Provinciais Romaneses (UNCJR).