O Carballiño destinará un investimento de máis de 127.000 euros ao asfaltado e mellora da pista entre Godás e Longoseiros

O Concello do Carballiño acometerá o proxecto de acondicionamento e mellora da pista que comunica os pobos de Godás e Longoseiros. O trazado que vai dende a N-541, en Godás, ata a estrada de Astureses por Longoseiros. Á obra destinarase un investimento de 127.136 euros.

O proxecto <Asfaltado da pista Godás-Longoseiros> foi redactado polo arquitecto municipal, Sergio Mascareñas Nogueiras, e a zona de actuación comprende tres tramos ben diferenciados. A intervención principal será o asfaltado da pista que une Godás coa estrada de Astureses, un trazado de 1.753 metros. Tamén se procederá a acometer a mellora da pista de Godás da Cima, que vai dende o vial principal á N-541 (con saída na zona da Isis Pharia, fronte á que vai da N-541 á fábrica do papel da Lavandeira). Neste caso actuarase sobre un trazado de 600 metros. A terceira zona que se mellorará con cargo a este proxecto é un vial do propio pobo de Longoseiros, de 174 metros. En conxunto, sumando as tres zonas de actuación incluídas, o proxecto «Asfaltado da pista Godás-Longoseiros> contempla a mellora de 2.527 metros. É dicir, máis de 2,5 quilómetros.

AVANTAR ACTIVIDADES

Segundo a memoria elaborada polo arquitecto municipal, o proxecto redactado no seu día trata <de defini-lo trazado e características do acondicionamento e mellora da circulación rodada dos viais de comunicación de Longoseiros e Godás da Cima, coa conseguinte reposición e remodelación das calzadas existentes, nas zonas citadas, na procura de mellorar os accesos e a comunicación a través da rede viaria de titularidade municipal>.

Na documentación tamén se precisa que ao tratarse da mellora do firme de pistas rurais que compren a función de comunicar accesos e o interior dos núcleos de poboación, e ao non executarse obras de cimentación nin de escavación en profundidade, non se fai preciso levar a cabo os traballos referidos a un estudo xeolóxico específico.

O prazo de execución dos traballos será de dous meses.