Presentación da edición facsimilar conmemorativa do centenario do “Plan pedagóxico para a galeguización das escolas”

Hoxe, martes 18 de outubro de 2022, ás 12h, presentamos no Mupega, Museo Pedagóxico de Galicia, en Santiago de Compostela, a edición facsimilar conmemorativa do centenario do “Plan pedagóxico para a galeguización das escolas”, que foi posíbel grazas á colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Intervirán o Secretario Xeral de Política Lingüística, don Valentín García Gómez, dona Celia Pereira Porto, presidenta da Fundación Vicente Risco e Xosé Fernández Fernández, o autor da introdución.
Trátase dunha edición conmemorativa que inclúe os textos publicados nos números 6 e 7 da revista Nós, en 1921, e en A Nosa Terra, o 2 de xuño de 1934, así como a súa transcrición ao galego actual, realizada pola profesora da Universidade de Vigo, dona Isabel Mociño González, e un pequeno estudo introdutorio, a cargo de Xosé Fernández Fernández, en que se contextualizan os textos para unha mellor comprensión por parte do público contemporáneo.
A finalidade desta publicación é conmemorar un feito histórico relevante na nosa historia e contribuír a divulgar un texto pouco coñecido, pero moi interesante aínda na actualidade, entre o público en xeral e, sobre todo, entre o profesorado, tanto o que xa exerce como tal, como o que se está formando nas Facultades de Educación e vai ter a responsabilidade de ensinar as novas xeracións galegas no futuro máis inmediato.