O presidente da Deputación reúnese coa nova alcaldesa de Cenlle para avanzar acordos en materias de servizos públicos e infraestruturas

Manuel Baltar mantivo esta mañá un encontro de traballo con Rebeca Sotelo, “unha alcaldesa coa capacidade e a iniciativa para liderar este concello, deseñando novos proxectos dinamizadores para o territorio”

Garante o “máximo compromiso da Deputación con Cenlle, administración da que é o seu mellor aliado” e compromete o apoio a obras de saneamento, mellora da seguridade vial ou a limpeza e mantemento do paseo fluvial

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 18 de outubro de 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo esta mañá no Pazo Provincial un encontro de traballo coa nova alcaldesa de Cenlle, Rebeca Sotelo, no que lle desexou “moitos éxitos” como rexedora: “Ten a capacidade e a iniciativa para liderar este concello, deseñando novos proxectos dinamizadores para o territorio”. 

O presidente do goberno provincial quixo destacar o “bo traballo” realizado polo anterior alcalde, José Manuel Rodríguez, na “liña de progreso dun concello de gran potencial como é Cenlle, e que ten na Deputación ao seu mellor aliado para seguir crecendo”. 

Manuel Baltar avanzou a Rebeca Sotelo a “máxima implicación da Deputación con Cenlle” para seguir reforzando as liñas de cooperación abertas entre ambas entidades: “Coma administración máis próxima ao territorio, cada alcalde ourensán sabe que pode contar con nós para traer novas propostas de colaboración, estudalos  e sumar esforzos para levalos a cabo”. 

O presidente da Deputación e a alcaldesa de Cenlle estiveron acompañados nesta reunión de traballo por César Fernández, vicepresidente segundo do goberno provincial e responsable dos asuntos de cooperación cos concellos da comarca do Ribeiro. 

Na reunión abordaronse os proxectos de colaboración solicitados polo Concello á Deputación e que contan co compromiso de posta en marcha do goberno provincial, como unhas obras de saneamento en Cenlle e a mellora da seguridade vial na OU-0303. Ademais, a alcaldesa sumou esta mañá o apoio do goberno provincial para actualizar o rueiro municipal e continuar a limpeza e mantemento do paseo fluvial do río Miño.

O presidente da Deputación tamén avanzou no encontro de hoxe no Pazo Provincial o futuro apoio á renovación do campo de fútbol municipal e a rehabilitación das fosas antigas de Laias. Ademais, o Concello de Cenlle solicitou un tractor de roza para a prevención de incendios forestais, apoiándose no convenio asinado pola Deputación de Ourense –a única das catro deputacións galegas en facelo- coa Consellería de Medio Rural en materia de lumes.

Rebeca Sotelo valorou a implicación da Deputación con Cenlle e destacou “a miña ilusión e o meu compromiso absoluto co benestar dos veciños. Traballaremos día a día para seguir mellorando entre todos Cenlle”.