A Deputación colaborará co Concello da Gudiña na mellora dos servizos públicos, as infraestruturas e a promoción turística

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, mantivo esta mañá un encontro de traballo co alcalde da Gudiña, José María Lago

Ourense, 19 de outubro de 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo esta mañá no Pazo Provincial un encontro de traballo co alcalde da Gudiña, José María Lago, no que se analizaron as novas propostas de cooperación formuladas polo rexedor arredor do reforzo dos servizos públicos, as infraestruturas e a promoción turística. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente do goberno provincial resaltou o “satisfactorio” dunha reunión na que se pecharon novos acordos para seguir reforzando a colaboración coa Gudiña: “A nosa máxima preocupación é a dinamización do territorio e o benestar dos veciños dos 92 concellos ourensáns. E nesta liña de traballo, a colaboración cos alcaldes é vital, porque os concellos son os que mellor coñecen a súa realidade e a Deputación é a administración máis próxima, o seu aliado máis eficaz”. 

Manuel Baltar avanzou a futura colaboración da Deputación no cofinanciamento de varias obras no concello, ademais dunha achega para construír parques infantís en diferentes puntos da Gudiña e a implicación nun proxecto de eficiencia enerxética e outro de saneamento.

José María Lago tamén lle solicitou ao presidente do goberno provincial a futura colaboración na construción do enlace da autovía con Vinhais, ademais dun proxecto de promoción turística para “mostrar a entrada de Ourense a través da nosa estación e toda A Gudiña”, segundo explica o rexedor.

“Os proxectos presentados esta mañá polo alcalde son importantes para o futuro da Gudiña e por suposto, serán avaliados e estudados para sumar a máxima implicación da Deputación e levalos a cabo coa maior celeridade”, explicou despois da reunión Manuel Baltar, que tamén quixo sinalar “a proactividade de José María Lago a prol da veciñanza do seu concello”.