O delegado territorial da Xunta en Ourense informa aos veciños de Toén das liñas de axuda en materia de vivenda

  • Gabriel Alén animou aos asistentes a aproveitar o orzamento dispoñible e apoiar tamén á Xunta na súa difusión, co fin de garantir que cheguen ao maior número posible de beneficiarios e incidindo, sobre todo, naqueles programas de especial interese para esta provincia
  • O delegado territorial subliñou que o esforzo orzamentario “sen precedentes” que fará o Goberno galego o ano que vén en materia de rehabilitación residencial e, máis concretamente, en eficiencia enerxética calcúlase que beneficiará a máis de 1.800 familias da provincia e xerará uns 2.000 postos de traballo
  • O representante do Goberno galego referiuse á convocatoria do programa para a rehabilitación de vivenda a nivel de barrio, dotado para este ano con 11,5 M€ e dirixido a cidadáns e entidades locais para axudalos a actuar sobre ámbitos municipais concretos
  • Tamén se informou aos asistentes de que teñen á súa disposición a Oficina de rehabilitación de vivenda da Xunta en Santiago, que ofrece atención tanto presencial como telefónica; e unha guía informativa en formato dixital sobre os distintos programas de axudas específicos para rehabilitación enerxética no eido residencial

Ourense, 19 de outubro de 2022.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse este serán, acompañado de técnicos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), ao concello de Toén para manter un encontro informativo cos veciños co obxectivo de dar a coñecer o conxunto de subvencións en materia de vivenda que se están a convocar ao longo de 2022.

O delegado territorial, ao que acompañaba tamén o alcalde, Ricardo González, explicou que a Xunta de Galicia convocou 2 liñas de axudas para concellos e particulares por un importe global de 26,5 millóns de euros, e subliñou a grande oportunidade que suporá para Galicia a trintena de programas que xestionará o seu departamento este ano, poñendo á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 M€ para actuar no eido residencial.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste sentido o representante do Goberno autonómico animou aos asistentes a aproveitar o orzamento dispoñible e apoiar tamén á Xunta na súa difusión, co fin de garantir que cheguen ao maior número posible de beneficiarios e incidindo, sobre todo, naqueles programas de especial interese para esta provincia.

Gabriel Alén incidiu que as liñas de axudas propias da Xunta nesta materia estanse a ver reforzadas polos novos programas financiados con fondos europeos, que xa están convocados cunha dotación global de 117 millóns de euros.

Así, explicou que este orzamento permitirá intervir enerxeticamente sobre unha previsión de máis de 1.300 vivendas na provincia de Ourense, facéndoas máis sostibles e acadando un aforro aproximado de 5,6 Tn anuais de CO2 por cada inmoble.

Segundo indicou, o esforzo orzamentario “sen precedentes” que fará o Goberno galego o ano que vén en materia de rehabilitación residencial e, máis concretamente, en eficiencia enerxética calcúlase que beneficiará a máis de 1.800 familias da provincia e xerará uns 2.000 postos de traballo.

Por iso, considerou que as empresas ourensás relacionadas coa vivenda deben aproveitar as “oportunidades” que se están a abrir no campo da rehabilitación residencial, máxime cando o sector atravesa un momento “complexo”, marcado pola escaseza de materias primas, os problemas relacionados co subministro de materiais ou o aumento dos prezos do transporte e da enerxía.

O delegado territorial referiuse á convocatoria do programa para a rehabilitación de vivenda a nivel de barrio, dotado para este ano con 11,5 M€. Dirixido a cidadáns e entidades locais, ten o obxectivo de axudalos a actuar sobre ámbitos municipais concretos. Ademais, as actuacións en Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) e Áreas Rexurbe poderán financiarse tamén a través deste programa, grazas ás xestións realizadas pola Xunta.

Deste xeito, os particulares poderán acadar o 80% do investimento -cun límite de 29.425 euros por vivenda- para mellorar ou rehabilitar as súas vivendas para obter un aforro enerxético de, polo menos, o 30%. Os concellos poderán realizar actuacións complementarias de urbanización, reurbanización ou mellora da contorna física no ámbito delimitado. Para servizos de oficina de rehabilitación —como as actuais das ARI— que faciliten a xestión das actuacións poderán recibirata 800 € por vivenda rehabilitada.

Ademais, xa está aberta a convocatoria do Bono de alugueiro social, co que se mobilizarán ata o ano 2026 preto de 15 millóns de euros para cubrir o 100% do custo do arrendamento da vivenda habitual dos colectivos máis vulnerables da Comunidade; así como o Bono alugueiro mocidade dirixido ao colectivo de entre 18 e 35 anos para acceder a unha axuda mensual de ata 250 euros para o pago da renda da súa vivenda habitual.

Gabriel Alén fixo fincapé nun programa de especial relevancia para a provincia de Ourense e dirixido tamén aos menores de 35 anos: os incentivos a persoas mozas para contribuír ao reto demográfico. Trátase dunha das liñas de apoio á adquisición de vivenda previstas para este ano e está pensada especificamente para concellos de menos de 10.000 habitantes, polo que poderán solicitarse en case o 95% dos municipios da provincia.

Cun orzamento inicial de 2,55 millóns de euros, a convocatoria pechouse o pasado 30 de setembro e grazas a ela, os mozos que compraran a súa vivenda habitual no rural poderán optar a unha axuda de ata 10.800 euros.

O delegado territorial rematou co “desexo de sumar os esforzos dos concellos, especialmente o de Ourense, federación de asociacións de veciños, colectivos profesionais e medios de comunicación, co obxectivo de dar a coñecer todas as axudas para a adquisición, alugueiro ou rehabilitación de vivenda, tanto para eficiencia como para accesibilidade e conservación, o que vai a favorecer as posibilidades de acceso á vivenda en condicións favorables, contribuirá a mellorar as paisaxes urbanas e axudará a crear emprego”.

Guía informativa

Así mesmo, tamén se informou aos asistentes de que teñen á súa disposición a nova Oficina de rehabilitación de vivenda da Xunta en Santiago, que ofrece atención tanto presencial como telefónica; e que está dispoñible en formato dixital unha guía informativa sobre os distintos programas de axudas específicos para rehabilitación enerxética no eido residencial, un documento que se pode descargar neste enlace.