O grupo socialista alerta de que Galicia é a comunidade autónoma que máis emprego feminino destrúe no rural

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Carmen Rodríguez Dacosta reclama axudas específicas para mulleres titulares de empresas do sector primario, compatibles coas axudas da PAC

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2022. A portavoz Agricultura do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, lamentou hoxe o desleixo da Xunta mentres Galicia é a Comunidade Autónoma que máis emprego feminino destrúe no rural. A responsable socialista presentou hoxe unha proposición non de Lei no Pleno do Parlamento para reclamar medidas transversais contra o despoboamento e masculinización do rural.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Rodríguez Dacosta alertou de que a diminución de mulleres ocupadas no sector agrario, gandeiro e forestal en Galicia entre os anos 2008 e 2022 triplica a caída no resto do Estado, xa que en España diminuíron un 15,4 por cento as mulleres que traballan no rural, a redución en Galicia é do 44 por cento. A responsable socialista lembrou que o goberno galego “ten a obriga de facilitar que a agricultura e a gandaría sexan oportunidades para as mulleres”.

Por iso, reclamoulle ao goberno autonómico “implicarse de xeito decidido” para conseguir un medio rural máis igualitario, e diminuír a fenda de xénero existente no sector agrogandeiro e fomentar unha maior participación das mulleres na actividade económica. Alerta de que a ferramenta prevista para este obxectivo, a Lei de Fomento do Acceso á Titularidade Compartida, “segue sen dar os froitos desexados”, xa que só conseguiu 31 incorporacións dende 2012.

O Grupo Socialista reclamou hoxe unha liña específica de axudas do goberno galego dirixida a mulleres titulares de empresas que desenvolven actividade directa no sector primario compatible coas recibidas a través da Política Agraria Común. Lamentou que co seu voto en contra o PP demostra que “non están a favor dun plan de choque para o impulso do emprego feminino no rural nin de rachar coa discriminación nas axudas da Emega”.

A iniciativa debatida hoxe tamén lle reclamaba á Xunta que elabore o Estatuto da Muller Rural antes de que remate o ano e en colaboración coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais -Fademur- para que poida ser incorporado a continuación á futura Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

Rodríguez Dacosta lamento o voto en contra do PP tamén a este punto da iniciativa, logo de que no último Debate do Estado da Autonomía votaran a favor dunha proposta de resolución para elaborar este instrumento, que considera “unha ferramenta imprescindible para conseguir a plena igualdade entre as mulleres e homes rurais”.