Enxeñaría Informática dótase cun Laboratorio de Experimentación e Prototipado, en colaboración coa Deputación

O deputado Jorge Pumar participou esta mañá na inauguración desta iniciativa, nacida no marco do proxecto de cooperación transfronteiriza NOVA TFE dentro do Programa Interreg V España – Portugal 

Jorge Pumar reivindicou a “aposta decidida pola innovación e a creatividade” da Deputación de Ourense e destacou que este proxecto supón un paso máis para “pasar da cultura educativa á cultura industrial”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 20 de outubro de 2022.- A Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus acolleu esta mañá a inauguración do Laboratorio de Experimentación e Prototipado de Ourense, unha iniciativa nacida no marco do proxecto de cooperación transfronteiriza NOVA TFE (Novas Oportunidades de Negocio para Pemes Baseadas en Tecnoloxías Facilitadoras) e da colaboración entre a Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo. 

O obxectivo desta iniciativa é ofrecer tecnoloxías facilitadoras a alumnado, profesorado, pemes e emprendedores para o desenvolvemento real das súas ideas. NOVA TFE é un proxecto de cooperación transfronteiriza do Programa Interreg V  España-Portugal (Poctep) 2014-2020 que conta con financiamento Feder, fondos europeos de desenvolvemento rexional.

O deputado Jorge Pumar participou na presentación do laboratorio, acompañado polo director da  Escola Superior de Enxeñaría Informática, Francisco Javier Rodríguez, e o xerente da Mancomunidade de O Salnés, Ramón Ginarte. 

Jorge Pumar lembrou a “aposta decidida pola innovación e a creatividade” da Deputación de Ourense e destacou que este proxecto supón un paso máis para “pasar da cultura educativa á cultura industrial”. A clave, explicou o deputado, é conseguir “que exista unha cultura emprendedora, unha cultura da innovación na cidade” e neste senso, dixo, o laboratorio permite que o alumnado da Universidade de Vigo e outros colectivos “teñan un sitio físico no que as súas ideas as poidan converter en realidade”.

Pola súa banda, Francisco Javier Rodríguez puxo en valor e agradeceu ás entidades implicadas o esforzo feito para a posta en marcha desta infraestrutura. Dela sinalou que non é un laboratorio só universitario: “Queremos que sexa un polo de atracción de proxectos e empresas”, lembrando como o profesorado do centro xa desenvolve proxectos con empresas e entidades ourensás, galegas e estatais. En todo caso, o responsable académico sinalou que o centro ten “moitos plans” para empregar este laboratorio en tarefas docentes e investigadoras, especialmente en relación co grao e mestrado en Intelixencia Artificial, empezando este último a vindeira semana as súas prácticas nel.

Por último, Ramón Ginarte, indicou que a apertura deste espazo é unha das últimas accións de NOVA TFE, proxecto que se veu afectado de cheo pola pandemia e que definiu como “un proxecto complexo, porque estamos falando dun proxecto onde hai que facer, despois da fase de diagnose, un despregue de tecnoloxía innovadora que queremos pór a disposición de pequenas e medianas empresas ou emprendedores”. Pondo en valor o “tremendo esforzo” feito no marco desta iniciativa, subliñou que o resultado é “un proxecto cunha calidade alta e unha tecnoloxía e uns laboratorios que quedarán para o futuro”.

Dotación tecnolóxica

O director da Escola Superior de Enxeñaría Informática foi o encargado de explicar as características dun laboratorio que, dixo, está dotado de “equipamento educativo pero en novas tecnoloxías facilitadoras, ten un grao máis de innovación”. Nel, indicou, centráronse no eido das cidades intelixentes ou “smart cities”, establecendo sinerxía con outros proxectos que ten a Deputación de Ourense neste eido (para ter acceso ás plataformas ‘smart city’ deste órgano provincial e conexión ao seu portal de datos aberto) e establecendo tamén acceso á sensorica realizada en NOVA TFE (tanto no pazo provincial ourensán como en sete concellos da provincia e dentro da Mancomunidade de O Salnés). Desde o laboratorio poderase traballar cos estes datos e software e tamén coas ferramentas “tanxibles” dispoñible nel.

Alén do eido “smart cities”, o laboratorio, detallou Francisco Javier Rodríguez, consta de diferentes áreas. Unha delas é a de industria 4.0, contando con ferramentas como unha impresora industrial de alta capacidade “que pode crear pezas de resistencia homologada en industria” e que xa está sendo empregada polo alumnado do monopraza UVigo Motorsport. Tamén está dotado con unidades de estación de traballo que permiten principalmente procesar algoritmos de intelixencia artificial para, por exemplo, temas de vehículos autónomos. No centro tamén se fixo “unha aposta importante polo que é a visión artificial, incluíndo cámaras específicas de visión tanto industrial, que poidan ser colocadas nun dispositivo móbil, como cámaras de planta, que poidan, por exemplo, distinguir o movemento das persoas”.

A nivel industrial pero educativo, o laboratorio, enumerou Francisco Javier Rodríguez, está dotado de varios kits educativos para simulación do que sería unha fábrica intelixente. Asociado á fábrica intelixente, tamén dispón de controladores Arduino para poder facer simulacións domóticas e kits de sensórica para a Internet das Cousas. Complementando estes equipos, o espazo tamén ten unha pantalla interactiva que será demostrador de toda a sensórica que se está instalando en diferentes puntos de Galicia con NOVA TFE. Por último, a UVigo tamén dotou o laboratorio de dous robots industriais colaborativos con sistemas de visión artificial que se empregarán igualmente nas novas titulacións de grao e mestrado en Intelixencia Artificial.

Procesos de innovación para o tecido empresarial  

No proxecto NOVA TFE participa un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo formado por investigadoras e investigadores da Escola Superior de Enxeñaría Informática, das facultades de Dereito e Ciencias Empresariais e Turismo e da Escola de Enxeñaría Industrial. Ademais da institución académica, son socios do proxecto a Mancomunidade de O Salnés (líder da iniciativa), a Deputación de Ourense, a Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e a Câmara Municipal de Valença (Portugal). 

O obxectivo principal deste proxecto é potenciar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación, mellorando a participación do tecido empresarial nos procesos de innovación nas actividades de I+D+I máis achegadas ao mercado. A iniciativa quere facilitar que a investigación aplicada relacionada coa Internet das cousas (especialmente smart cities) e a fabricación avanzada sexan trasladadas ás pemes (menos urbanas) dos sectores máis relevantes do espazo transfronteirizo, involucrando directamente ao seu persoal en redes de intercambio e nos laboratorios de experimentación e prototipado.