A Asociación para a defensa do Asilo xa ten xunta directiva e comeza cos pasos necesarios para o rescate da institución

Na xornada de onte xoves 20 de outubro tivo lugar a reunión de constitución da directiva da Asociación para a Defensa do Asilo do Carballiño coa cal se comezan a dar os pasos acordados na reunión mantida coa cidadanía en datas pasadas.

Pachi Vázquez será o presidente da mesma, constando Manuel Álvarez Peña coma vicepresidente, Ísbert Gayoso coma secretaria, Xosé Cortés coma tesoureiro e Bernardo García Nóvoa, Ernesto Atanasio Iglesias, Maika Castro López, Gonzalo Rodríguez Conde, Eladio Munín Barreiro e Alberte coma vogais. A previsión é que a curto prazo se vaian incorporando máis persoas provintes dos diferentes colectivos que xa manifestaron a súa intención de apoiar esta inciativa.

AVANTAR ACTIVIDADES

A preocupación pola situación desta histórica institución non fai se non aumentar á vista dos acontecementos dos últimos tempos e da falla absoluta de transparencia.

Entre os acordos tomados estiveron:

  1. O apoio público ás traballadoras e exixencia da readmisión de aquelas ás que os tribunais lle recoñeceron o seu despido coma nulo.
  2.  A retirada das multas impostas polo Concello do Carballiño.
  3.  A remisión de sendas cartas aos patronos responsables (alcalde, bispo e arcipreste) demandando un cambio urxente na xestión do asilo e da mesma Fundación e acceso a actas e contas dos últimos anos.
  4. Asemade tamén se dirixirán os mesmos escritos ao Protectorado da Xunta de Galicia (encargado de velar pola legalidade das fundacións) e á Conferencia Episcopal.
  5. A creación de redes sociais e páxina web para difundir as accións do colectivo e por en valor o gran patrimonio material e inmaterial legados polos Irmáns Prieto.