A Xunta inaugura no museo etnolóxico de Ribadavia unha exposición sobre ferramentas de loita contra os incendios

  • O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, subliña que esta mostra contribúe a “entender, reforzar e enaltecer aínda máis o enorme traballo que desenvolven os bombeiros forestais”
  • O proxecto expositivo, composto por máis de 50 pezas xunto con fotografías e vídeos, pode visitarse ata finais de xaneiro

Baixo o título de EPIs e ferramentas da man das bombeiras e bombeiros forestais, o Museo Etnolóxico de Ribadavia, que forma parte da rede museística da Xunta de Galicia, acolle ata finais de xaneiro unha mostra sobre utensilios e aparatos empregados na loita contra os incendios.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, que participou hoxe na inauguración, destacou que este proxecto expositivo contribúe “a entender, reforzar e enaltecer, aínda máis, o enorme labor que desenvolven os bombeiros forestais” na loita contra a lacra dos incendios.

AVANTAR ACTIVIDADES

A exposición está composta por 54 pezas cedidas pola Brigada de Reforzo en Incendios Forestais, BRIF de Laza, o Servizo de Prevención de Incendios de Ourense, así como polo bombeiro Roi Juan López Muriel, que acompañou ao representante da Xunta e ao director do museo, César Llana, entre outros asistentes á inauguración.

Entre as pezas expostas, cómpre destacar os primeiros equipos de comunicación, elementos de topografía, un queimador e equipos de protección persoal. Tamén se inclúen os traxes de traballo e outros elementos como botas, cascos, máscaras de protección, cubre calugas ou gafas. Así mesmo ferramentas como fachón de goteo, mochilas extintoras, lanzas de mangueira, lanternas e estoxos de primeiros auxilios entre outros. A mostra, que estará aberta ao público ata o 31 de xaneiro, complétase con fotografías, paneis explicativos e dous monitores para a proxección de vídeos sobre esta temática.