O grupo socialista acusa a Xunta e PP de agochar a situación actual do proxecto de aldea modelo de Osmo e os fondos investidos ata o momento nesta malograda iniciativa

Carmen Rodríguez acusa á Xunta de “tirar ao lixo miles de euros” nunha actuación “arbitraria e sen planificar” que “quedou nun anuncio publicitario”

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2022. A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, acusou hoxe a Xunta e PP de agochar a situación real do malogrado proxecto de aldea modelo de Osmo, no Concello de Cenlle, anunciado pola Consellería do Medio Rural en 2019. A parlamentaria socialista presentou unha proposición non de Lei en Comisión para coñecer a situación do proxecto e os cartos investidos ata o momento nel, que foi rexeitada polo PP.

AVANTAR ACTIVIDADES

A parlamentaria socialista acusou á Consellería do Medio Rural de “tirar ao lixo miles de euros” cunha actuación “arbitraria e sen planificar” que se tornou nun “desastre” ao quedar “nun mero anuncio publicitario”. Rodríguez Dacosta esixiu “transparencia” sobre o que fora a primeira aldea modelo de Galicia, nun proxecto pioneiro do que “hoxe non queda nada”, nin tan sequera o alcalde, que vén de dimitir, dando paso á terceira alcaldesa da Lexislatura.

Rodríguez Dacosta lembrou que no ano 2019 o goberno galego seguiu o exemplo do “baltarismo ourensán” facendo unha adxudicación “a dedo” facturando por un lado 38.000 euros de execución e polo outro 11.600 en materiais para facer un contrato menor e adxudicalo de forma directa, que “non pode exceder dos 40.000 euros”.

No mesmo Concello, en 2020 asinaban un convenio para rehabilitar tres edificios tradicionais adquiridos pola Xunta, polo que o concello contratou o proxecto e licitou a obra, pero a finais de 2021 foi paralizada polo abandono da empresa concesionaria.

Agora vimos de coñecer, dixo, que “o goberno galego contrata outra vez a dedo un plan de dinamización da aldea modelo de Osmo por 18.000 euros” para unha exposición permanente. Preguntou “de que serve o gasto público en museos e actuacións turísticas se merman a calidade da educación, recortan os servizos sanitarios, reducen as posibilidades de mobilidade e non dan resposta ás necesidades de conciliación das familias e ao coidado dos maiores”.

Subliñou que “Cenlle e o resto dos concellos do rural galego necesitan servizos que reteñan e capten poboación”, e preguntou “de que serve o gasto público en museos e actuacións turísticas se ao mesmo tempo a Xunta merma a calidade da educación e anuncia que non todos os centros de saúde poden ter pediatra”.