Segundo o BNG a Xunta obvia nos seus Orzamentos proxectos chave e necesarios para o desenvolvento de Ourense

A formación nacionalista bota en falla maior concreción nalgunhas das partidas, considera ridículas as cantidades doutras e decepcionante a ausencia de algún dos proxectos máis demandados ao longo dos últimos anos

Desde o BNG anuncian a presentaciçon de emendas ás contas presentadas onte polo Executivo galego

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 21 de outubro de 2022. Para o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense, o proxecto de Orzamentos para 2023 presentados onte pola Xunta de Galiza revelan, por un lado a falta de interese por parte do Executivo galego á hora de executar os proxectos máis demandandos desde hai anos e por outro a irrelevancia e o pouco peso político que a día de hoxe ten a terceira cidade máis grande e importante do país.

Segundo o Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara, “as contas da Xunta para 2023 obvian cuestións dunha enorme relevancia e que teñen sido obxecto de promesa ao longo dos últimos anos por parte do PP”.

E é que para Seara é alarmante que “non apareza nada relativo ao tan demandado centro de saúde do barrio do Vinteún cando temos alí unha fermosa parcela criando herba”, asemade para Luís Seara “é ridícula a cantidade de 500.000 euros consignada para o centro de saúde de Mariñamansa pois aparece xunto aos de Allariz e Montederramo. Non se concreta cal é a cantidade exacta nin para que é, resultando curioso que a día de hoxe mesmo se descoñeca a súa nova ubicación”.

Outra das partidas que máis críticas desperta no BNG ten que ver co Plan REXURBE pois consideran “pírrico” adicar soamente un millón de euros para toda a provincia no seu conxunto “cando soamente na zona histórica da cidade temos catorce edificios con orde de execución e cando serían necesarios ao redor de cinco millóns de euros para a súa rehabilitación, cos cartos consignados non da nin para cubrir as expropiacións”.

Luís Seara cuestiona tamén o anuncio feito pola Xunta de crear en Ourense a Sede da oficina de coordinación termal argumentando que “é un insulto que sendo como foi a Xunta a encargada de cargarse o noso o modelo termal, agora pretendar crear un chiringuito para o cal nin tan sequera aparece consignación orzamentaria”.

De entre as moitas eivas detectadas, os nacionalistas destacan os apenas 100.000 euros destinados ao ecobarrio da Ponte, lembrando que “foi un proxecto presentado a bombo e prato no seu día cun investimento de 20 millóns e a creación de trescentos postos de traballo. En 2019 a cifra baixou aos 2,4 millóns, en 2020 foron 741.000 euros, en 2021 apenas 550.000, en 2022 baixou aos 175.500 euros e agora apenas adican 100.000 para estudos técnicos, unha tomadura de pelo en toda regra”.

Igualmente destacan “o feito de que haxa cero euros para obras de mellora da rede de saneamento e abastecemento cando desde o BNG levamos todo o mandato reclamando abordar esta situación en varios puntos do concello como é a zona histórica, Untes, Santa Cruz de Arrabaldo, Palmés ou mesmo a rúa da lebre, en plena cidade”.

Tamén botan en falta investimentos que contribúan ao desenvolvemento do comercio local, para o cal adiantan que solicitarán vía emenda e tal e como xa propuxeron no Pleno do Concello de Ourense, apoio económico para a humanización da contorna da Praza de Abastos nº 1 e mailo “rianxo”.

No tocante á nova sede administrativa anunciada polo Executivo galego no barrio das Lagoas e para a cal, adicou máis de oito millóns para a adquisición dos terreos. Segundo o BNG, os dous millóns consignados nos presentes Orzamentos son “claramente insuficientes xa non soamente para a execución da obra senón para que tan sequera poida comezar”.

“Agardamos que non aconteza o mesmo que en 2021, xa que daquela tamén aparecían consignados dous millóns para unha nova sede administrativa pero desa volta a través da remodelación e reutilización do hoxe PAC da rúa Concello, proxecto do que lóxicamente non se fixo absolutamente nada”.

O BNG anuncia que presentarán emendas ao Proxecto de Orzamentos co obxecto de “corrixir as moitas eivas detectadas e para tentar evitar unha vez máis o desprezo e os olvidos da Xunta de Galiza para con Ourense”.