A comisión executiva provincial do Psdeg de Ourense acorda convocar unha sesión ordinaria do comité provincial o vindeiro 5 de novembro

Durante o encontro da dirección socialista que tivo lugar en Verín, entre outras cuestión de índole política, social e orgánica, destacaronse as boas previsións de cara aos comicios locais de 2023

Villarino explicou que “neste mandato estamos a desprazarnos por toda a provincia” e “o lugar de referencia nesta bisbarra é Verín”, unha comarca “clave” con “alcaldías históricas”

AVANTAR ACTIVIDADES

Verín, 22 de outubro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar unha sesión ordinaria da Comisión Executiva Provincial, na sede comarcal do partido en Verín na que, entre outras cuestións, se acordou convocar unha sesión ordinaria do Comité Provincial –máximo órgano socialista entre congresos– o sábado 5 de novembro ás 10:30 horas da mañá, seguindo os prazos marcados polos estatutos. A reunión terá lugar na área metropolitana da capital ourensá.

Durante o encontro de hoxe en Verín, entre outras cuestións de índole política, social e orgánica, os e as integrantes da dirección provincial socialista puxeron de manifesto o “importantísimo e avultado” número de veciños e veciñas gobernados actualmente polo PSOE, unha “mostra evidente” da “forza do municipalismo” do partido, nun “momento clave” no que “os órganos e as persoas xa están a traballar a reo” de cara aos “importantísimos” comicios municipais de 2023, nos que “sen dúbida algunha se mellorarán os resultados acadados en 2019”.

“As previsións son realmente optimistas e poderemos darlle á volta ao goberno provincial da Deputación de Ourense e a moitas máis vilas medianas e pequenas”, insistiron. Actualmente o Partido Popular goberna a 92.773 persoas, fronte ás 90.233 persoas gobernadas polo PSdeG-PSOE ourensán, sen incluír nestas cifras os municipios nos que o Partido Socialista cogoberna con outras forzas políticas.

“Debemos repetir con maior intensidade esta mensaxe, porque hai xente que aínda descoñece os excelentes resultados acadados polos socialistas e as socialistas nas anteriores eleccións municipais”, manifestaron desde a dirección provincial antes de recordar que “o PSOE, no conxunto do Estado e especialmente en Galicia, é un partido no que a súa gran forza está nas bases e na veciñanza”.

Verín como referencia

Antes do comezo do encontro, Rafa Villarino, explicou aos medios de comunicación que “neste mandato estamos a desprazarnos por toda a provincia” e “o lugar de referencia nesta bisbarra é Verín”, unha comarca “clave” na que “contamos con alcaldías históricas”. “Esta é unha comarca que está traballando moi ben e que conta con grandes expectativas para as eleccións locais que terán lugar a finais de maio do vindeiro ano”, aseverou o secretario provincial, quen tamén salientou aos “bos candidatos e candidatas, alcaldes e alcaldesas” que “fan forte” ao PSdeG-PSOE nesta comarca e en toda a provincia.