Manuel Baltar recibiu a insignia de ouro de ANPE polo seu “traballo a prol da ensinanza pública”

O presidente da Deputación foi distinguido pola Asociación Nacional de Profesionais da Ensinanza durante a undécima edición da Homenaxe ao Docente, celebrada esta mañá no Teatro Principal

Manuel Baltar realizou a “laudatio” ao Docente Exemplar 2022, coa que este ano quíxose homenaxear a todos os profesores ourensáns “polo seu excepcional traballo” durante a pandemia: “Sodes os mellores, sodes os únicos dos que depende o avance e a mellora da nosa sociedade. Sodes a pedra mestra dun Estado próspero, culto e con futuro”

Medio centenar de profesores xubilados tamén foron recoñecidos esta mañá pola súa “fecunda adicación profesional ao ensino público ourensán”

PUBLICIDADE ELECTORAL

Ourense, 22 de outubro de 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi distinguido esta mañá coa insignia de ouro da Asociación Nacional de Profesionais da Ensinanza (ANPE) en recoñecemento ao seu “traballo a prol da ensinanza pública, con apostas como o novo Centro de Innovación da Formación Profesional ‘Eduardo Barreiros”, segundo sinalou o presidente de ANPE Ourense, José Manuel Fernández. 

Este recoñecemento ao presidente do goberno provincial, imposto polo presidente de honra de ANPE España, Nicolás Fernández Guisado, celebrouse no Teatro Principal no transcurso da undécima edición do Homenaxe ao Docente, evento organizado por ANPE Ourense en colaboración do Defensor do Profesor e o Observatorio Ourensán da Convivencia Escolar.

O acto estivo copresidido polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e o secretario estatal de ANPE, José María Cuadrado, contando coa presenza, entre outros, do  subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, o delegado da Xunta, Gabriel Alén, e a directora xeral da Formación Profesional, Eugenia Pérez. Durante o evento levouse cabo a entrega da distinción como “Docentes Exemplares 2022” a todos os profesores ourensáns polo “seu excepcional traballo durante estes ano na pandemia”, segundo recalcou Manuel Baltar na súa “laudatio”: “Hoxe non rendemos homenaxe a un docente exemplar como nas 10 ocasións anteriores, hoxe rendemos homenaxe a todos os docentes do ensino público da nosa provincia”. 

Na súa intervención, Manuel Baltar reivindicou o traballo realizado polos profesores da ensinanza pública durante a pandemia: “Nunca escatimaron esforzos, sen diferenzas de clases, sen diferenzas entre as cidades e o rural. Abriron as aulas nas peores condicións, deron as as súas clases con portas e xanelas abertas a cinco graos baixo cero. Levaron adiante protocolos e programacións específicas, duplicando e triplicando o seu traballo”. 

Manuel Baltar destacou a necesidade de “homenaxear aos que día a día fan da educación o ben máis grande que pode transmitirse para contar con cidadáns libres

O presidente da Deputación valorou a necesidade de “homenaxear a aqueles que día a día fan da educación o ben máis grande que pode transmitirse de pais a fillos, de avós a netos, e de Estados e Comunidades Autónomas como Galicia a cidadáns libres e formados intelectualmente para afrontar o futuro como persoas e, o máis importante, como sociedade”. E reivindicou a importancia da figura do profesor: “A todos os docentes ourensáns -algúns desgraciadamente xa non están aquí- queremos renderlles hoxe homenaxe e dicirvos que sodes os mellores, sodes os únicos dos que depende o avance a mellora da nosa sociedade. Sodes a pedra mestra dun Estado próspero, culto e con futuro”. 

En representación de todos os profesores da provincia, Manuel Baltar invitou a subir ao escenario do Teatro Principal a representantes de centros e claustros recoñecidos na comunidade educativa pola súa excelencia educativa: o director do CPI Joaquina Gallego Jorreto de A Merca, Emilio Cañedo; o director do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova, Adrián Fernández; a directora do CIFP Marcos Valcárcel da Carballeira, Marta Vázquez,; a directora do Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Purificación Iglesias; e o profesor da Facultade de Ciencias da Educación José Domínguez. 

Recoñecemento aos docentes xubilados

Na gala desta mañá no Teatro Principal tamén foron recoñecidos cincuenta e catro docentes xubilados nos últimos anos de pandemia, de todos os niveis educativos desde Educación Infantil ata a Universidade, por traxectorias de, en moitos casos, preto de, 50 anos adicadas ao Ensino Público. Cada un dos homenaxeados recibiu un orixinal da obra escultórica “Homenaxe ao docente” do escultor galego Arturo Andrade, en recoñecemento polos anos de “fecunda adicación profesional ao ensino público ourensán”. 

Despois dunha lección maxistral inaugural do curso 2022-2023 a cargo do presidente de honra de ANPE España, Nicolás Fernández Guisado, a undécima edición da Homenaxe ao Docente finalizou cun concerto musical protagonizado polo grupo Ensemble de Clarinetes, do Conservatorio Superior de Música de Ourense, que interpretou tres pezas e clausurou a xornada interpretando o Himno de Galicia.