A Xunta investirá preto de 3m€ na ampliación e mellora do instituto Xesús Ferro Couselo

.- O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e pola directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, visitou esta mañá o instituto Xesús Ferrol Couselo, onde o Goberno galego vai investir máis de 3M€. En concreto, tal e como explicou, “están en marcha dúas actuacións, por unha banda a construción dunha pista cuberta, xa en execución; por outra, a ampliación do centro, en fase de supervisión de proxecto”.

No referido á ampliación do centro, o titular do departamento educativo da Xunta salientou que os Orzamentos 2023 inclúen unha partida de 2,6M€ para acometer esta mellora. Neste momento estase supervisando a redacción do proxecto.

AVANTAR ACTIVIDADES

A obra consistirá na ampliación en altura do edificio para incrementar o número de aulas, no incremento dos espazos do comedor para satisfacer a demanda existente e na redistribución do semisoto para albergar os aseos adaptados desta planta, entre outras melloras.

Foro de 285 m²

Cunha superficie de 1.080 m², o novo espazo contará con cinco aulas con capacidade para 150 alumnos. Ademais, haberá espazo para tutorías, aseos e un foro de 285 m², como área central de reunión e comunicación do alumnado e o profesorado. “Esta mellora –explicou Román Rodríguez– enmárcase no compromiso do Goberno galego coa modernización das infraestruturas educativas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que conta cun orzamento total de 191M€ do que xa levamos executado practicamente a metade”. “Ourense é unha cidade que coidamos moito desde o punto de vista dos investimentos educativos e, de feito, en diferentes fases, este ano temos en execución preto de 8M€, sen contar o Centro Galego de Innovación da FP”, engadiu.

“Con esta actuación o Goberno galego vai dar resposta ao incremento continuado de alumnos que está a experimentar este instituto, sostido no tempo e que prevemos que se manteña para os próximos cursos”, destacou Román Rodríguez. “Deste xeito, no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, continuamos a dar resposta ás necesidades de escolarización das zonas con maior demanda de prazas escolares”, engadiu.

Pista cuberta

Respecto da construción da pista cuberta, Román Rodríguez sinalou que se trata dunha actuación por un importe de 476.000€. O obxectivo é ampliar a zona de uso exterior creando un espazo que se poida empregar en todo tipo de condicións meteorolóxicas e que contará cunha superficie de 792,53 m² e un acceso, tamén protexido, de 161m².

O novo espazo constará dunha estrutura prefabricada de formigón, unha cuberta de paneis e un revestimento de chapa galvanizada perforada, que resgarde pero ao mesmo tempo permita o paso da luz. A previsión é rematar a obra antes de que finalice o ano.

Nova musealización

Tras presentar os proxectos de mellora no Ferro Couselo, o conselleiro desprazouse ata o IES Ramón Otero Pedrayo para visitar a renovación do museo pedagóxico do instituto do Museo Pedagóxico deste instituto ourensán.

O representante da Xunta de Galicia destacou o traballo do centro, que trasladou recentemente ao Paraninfo e aos corredores os materiais que anteriormente se situaban no soto do instituto. “Esta nova musealización complétase coa posibilidade de gozar da mesma a través das audioguías elaboradas polo alumnado en todos os idiomas impartidos no centro, é dicir, en galego, castelán, inglés e francés”, salientou.

As pezas expostas intégranse dentro do marco arquitectónico do edificio, colocadas en vitrinas para a súa exposición, conservación e seguridade. Entre elas poden atoparse diferentes obxectos para a práctica educativa, maquetas de anatomía ou cunchas de moluscos.

Rede de Institutos Históricos

O IES Ramón Otero Pedrayo de Ourense, que celebrou xa os seus 125 aos de vida, pertence á Rede de Institutos Históricos de Galicia, institutos que son considerados extensións do Museo Pedagóxico de Galicia pola custodia que fan de patrimonio histórico educativo. Estes centros foron creados en torno a 1845, momento clave na historia da educación polo denominado Plan Pidal. Este mesmo ano, catro destes institutos, entre eles o Otero Pedrayo, ingresaron na Orde Civil de Afonso X o Sabio con categoría de Placa de Honor.

Conforme á lexislación da época, foron dotados cunha biblioteca, un gabinete de Historia Natural, laboratorios de Ciencias Naturais, Agricultura, Física, Química, Fisioloxía e Hixiene e cun Xardín Botánico, ademais de contar con materiais especiais para as ensinanzas que requiran dalgunha demostración, tales como as ciencias xeográficas, histórica, debuxo lineal e matemáticas.