Xornada da CEO sobre cuestións prácticas sobre a reforma laboral e o teletraballo

A CEO celebrou hoxe unha xornada presencial para repasar, desde un punto de vista práctico, a aplicación das medidas por mor da reforma laboral e o teletraballo, recollidas nos RDL 32/2021 e RDL 28/2020 e que xa foron obxecto doutra sesión explicativa no momento da súa entrada en vigor.
A presidenta da CEO, Marisol Novoa, foi a encargada de presentar a charla e aos relatores, Catarina Capeáns e Pablo Guntiñas, membros de Vento Avogados e Asesores, e destacou a importancia de levar a cabo sesións como esta, que responde a ‘a divulgación dos acordos do diálogo social a través dun convenio de colaboración entre a consellería de Emprego e Igualdade e as organizacións empresariais e sindicais’.
Capeáns e Guntiñas foron os encargados de comentar a aplicación práctica das medidas destes dous textos normativos e repasar a situación actual de cuestións como a contratación e as novas modalidades tras a reforma laboral, así como os ERTE, que contan con tres modalidades: ETOP, de forza maior e de forza maior por impedimento ou limitación da actividade por decisión da autoridade pública (motivos de saúde pública); e os vinculados ao mecanismo REDE de flexibilidade e estabilización do emprego que se establecen por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción. O principal obxectivo deste mecanismo de protección é proporcionar ás empresas ferramentas que lles permitan axustarse #ante situacións de crises ou cambios cíclicos da demanda.
Os relatores tamén abordaron o traballo a distancia e os requisitos para a súa formalización, profundando nas vantaxes e inconvenientes desta modalidade laboral e explicando os obxectivos do RD 28/2020. Igualmente expuxeron as definicións e diferenzas entre traballo a distancia, teletraballo e traballo presencial, facendo fincapé no traballo a distancia en relación con outras cuestións como a prevención de riscos, a conciliación familiar, ou a protección de datos persoais e garantía de dereitos dixitais.
Catarina Capeáns é socia responsable da área de Dereito Laboral de Vento Avogados & Asesores, especializada en dereito do Traballo e a súa relación coas novas tecnoloxías. Ademais, entre outros aspectos do seu currículo e traxectoria, é auditora laboral, administradora concursal e mediadora mercantil e especialista en materia de igualdade no ámbito laboral e na elaboración de plans de igualdade, políticas empresariais e procedementos internos na empresa.

Pola súa banda, Pablo Guntiñas, avogado na mesma firma, está especializado en dereito laboral e emprego público. Anteriormente desenvolveu a súa carreira profesional en Comisións Obreiras durante máis de 25 anos, participando en instrumentos colectivos como convenios, acordos de empresa e ERTES.
As conferencias que a CEO e Vento Avogados iniciaron relativas a temáticas sobre a actualidade das relacións laborais son froito dun acordo de colaboración entre a consellería de Emprego e Igualdade e as organizacións empresariais e sindicais para impulsar o diálogo social e os acordos desenvolvidos no exercicio deste diálogo. Así, cuestións como a videovixilancia e monitorización GPS, o whatsapp e as redes sociais, ou a desconexión dixital do traballador son obxecto de análise neste ciclo de conferencias que hoxe se centrou na reforma laboral e o teletraballo.

AVANTAR ACTIVIDADES