A Deputación e a Universidade de Vigo traballan na potenciación de “tres proxectos perfilados para seguir dinamizando Ourense”

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, reuniuse co reitor, Manuel Reigosa, para avanzar na folla de ruta conxunta despois de coñecer que A Coruña foi definitivamente a elixida polo Nodo GalicIA coma candidata autonómica a postularse para ser sede da AESIA

“Dentro da nosa estratexia de posicionamento de Ourense”, explica Manuel Baltar, “a AESIA era un dos proxectos principais que encaixarían nesta aposta. Agora, despois de estudar polo miúdo a avaliación da nosa candidatura, seguimos a traballar para potenciar aínda máis as outras propostas coas que queremos seguir impulsando o noso territorio”

AVANTAR ACTIVIDADES

“Esta reunión é unha nova mostra da coordinación entre a Deputación de Ourense e a UVigo na procura de froitos que perseguen a visibilidade do territorio, gañar en servizos e seguir sumando talento”, reivindica Manuel Baltar, que despois da decisión do Nodo GalicIA apoia á candidatura coruñesa: “Sería unha boa nova para Galicia e, polo tanto, unha boa nova para Ourense”

O reitor da Universidade de Vigo destaca a labor que se está realizando a prol de Ourense: “Estamos a traballar arreo en novas iniciativas de descentralización que esperamos que sirvan para que Ourense conte proximamente con novidades que permitan potenciar a provincia con máis talento, máis oportunidades e máis emprego de calidade”

Manuel Reigosa tamén remarcou o apoio da UVigo á Coruña para a AESIA: “Aínda que penso que a de Ourense era unha excelente candidatura, a materialización desta proposta potenciaría a IA en toda Galicia”

Ourense, 26 de outubro de 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, para avanzar na folla de ruta a seguir despois de coñecer este pasado luns que a cidade da Coruña foi a elixida polo Nodo GalicIA coma candidata autonómica a postularse a sede da Agencia Estatal de Supervisión de la Inteligencia Artificial (AESIA). 

Manuel Baltar resumiu a motivación da reunión arredor de dous eixos. Por un lado, “avaliamos a decisión e o pronunciamento do Nodo GalicIA na xuntanza do luns -na que participou o propio reitor- e na que, baseándose en criterios técnicos, decidiuse elixir A Coruña”. Neste punto, o presidente da Deputación expresa o apoio á candidatura coruñesa: “Agora toca facer votos para que a decisión do Goberno central sexa favorable para A Coruña. Porque isto sería unha boa nova para Galicia e, polo tanto, unha boa nova para Ourense”. 

E ademais de remarcar sinerxías a desenrolar entre A Coruña e Ourense, a reunión no Pazo Provincial serviu para seguir avanzando nunha estratexia máis ampla, “de longo alcance”, con outras tres posibles propostas a desenrolar para acoller na provincia un novo motor dinamizador “coa potencia e capacidade suficiente para permitir a Ourense seguir medrando”, segundo explica Manuel Baltar. 

“Dentro da nosa estratexia de posicionamento de Ourense”, explica o presidente da Deputación, “a AESIA era un dos proxectos principais que encaixarían nesta aposta. Despois de estudar polo miúdo a avaliación da candidatura de Ourense, continuamos a traballar para potenciar aínda máis as outras tres propostas coas que queremos seguir dinamizando o territorio”

Nesta liña, o presidente da Deputación define as dinámicas de traballo que están encima da mesa: “Este goberno provincial leva tempo cooperando xunto á Universidade de Vigo e o propio Campus noutras opcións para captar unha nova iniciativa dinamizadora para Ourense. Aínda non é o momento de explícitalo, pero esta reunión é unha nova mostra da coordinación na procura de froitos que perseguen a visibilidade do territorio, gañar en servizos e seguir sumando talento”. 

Manuel Baltar lembra que foi precisamente a cooperación interadministrativa a que conseguiu “excelentes pancas de desenrolo para este territorio”, como o Centro de Innovación da Formación Profesional ou, máis recentemente, o Centro Galego de Ciberseguridade. “Boas novas para Ourense, como nas que estamos traballando agora e que esperamos facer públicas nas próximas semanas para seguir impulsando esta provincia”. 

Manuel Reigosa: “Traballamos en novas iniciativas de descentralización que permitan potenciar Ourense con máis talento, máis oportunidades e máis emprego de calidade”

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, explicou despois do encontro de traballo no Pazo Provincial que “levamos bastante tempo traballando en diferentes alternativas, que nos permitan traer para Ourense iniciativas que poidan favorecer o territorio, atraendo talento a Ourense e fixar poboación. Unha dinámica de descentralización de órganos e centros de innovación expresada dende o Goberno central e que eu conto con sumar o apoio da Xunta de Galicia”. 

Sobre a decisión do Nodo GalicIA e o respaldo da UVigo á candidatura coruñesa o reitor sinala que, “despois de elixir por criterios técnicos A Coruña como candidata galega para acoller a AESIA, a Universidade de Vigo vai apoiar e respaldar fortemente esta candidatura, intentando que chegue para Galicia porque isto sería bo para o país e, sen dúbida, bo para Ourense ao xerar unha serie de sinerxías que favorecerán a potenciación da IA en Galicia”. 

En paralelo, explica Manuel Reigosa, “aínda que nesta ocasión non puidemos facer valer a candidatura presentada pola Universidade de Vigo e Ourense -e que eu sigo pensando que é unha candidatura magnífica-, estamos a traballar arreo en novas iniciativas de descentralización que esperamos que sirvan para que Ourense conte proximamente con novidades que permitan potenciar a provincia con máis talento, máis oportunidades e máis emprego de calidade”.