Charla informativa sobre o parque eólico Borreiro o sábado 29 en Quintillán

Alarma na Terra de Montes arrinca unha nova xeira de xornadas informativas sobre o parque eólico Borreiro, que de novo afecta aos Concellos de Forcarei, A Estrada e Cerdedo-Cotobade e que estará en fase de alegacións ata o día 28 de novembro. A primeira charla informativa terá lugar o sábado 29 ás 16:30 da tarde na Casa Escola de Quintillán, unha das aldeas máis afectadas polo proxecto.
O parque eólico Borreiro ven promovido por Naturgy e consta de 5 aeroxeradores de 205 metros de altura, os máis grandes proxectados na nosa zona ata o momento, cunha potencia total a instalar de 20 MW: 3 deles van entre as aldeas de Quintillán, Levoso e a Graña de Cabanelas (Forcarei) e os dous restantes entre as aldeas de Liripio, A Grela, Portela e Guitón e Pumares en Ribela (A Estrada). A enerxía recollese na subestación proxectada unha vez máis sobre a Serra de Cabanelas e dende aí arrinca unha liña de alta tensión de 9 km que atravesa ata a subestación Quireza (non obxecto deste proxecto) afectando as aldeas como Vilaboa ou Portela (A Estrada) e a zona de Quireza (Cerdedo) así como a varios tramos da baixa da Rapa das Bestas de Sabucedo.

O parque eólico Borreiro é o cuarto proxecto sometido a exposición pública do macro conxunto formado por As Penizas, Pedra Longa, Cabanelas, Borreiro e Ampliación As Penizas que se está a converter nun alude de parques eólicos concentrados sobre unha mesma zona do territorio, a Serra de Cabanelas e as chamadas Baiucas. Un punto xeográfico simbólico para moitos, no que se unen os concellos de Forcarei, A Estrada e Cerdedo e no que conviven os seus especiais valores naturais e paisaxísticos cun importante legado patrimonial arqueolóxico e cultural, así como con outro recursos que se foron convertendo en símbolo e atractivo da nosa bisbarra como a Rapa das Bestas de Sabucedo, O Camiño da Geira e dos Arrieiros ou o Observatorio Astronómico de Levoso.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así, continua o asoballamento da poboación afectada xa que soamente un día despois de
rematar a fase de alegacións do PE Cabanelassaía no DOG o PE Borreiro, estendendo o continuo de fases de alegacións dende principios de xullo, que se expoñía o PE Pedra Longa, ata finais de novembro. É dicir, 5 meses seguidos en fase de alegacións, para unha mesma zona e para unha mesma veciñanza afectada, enfrontándose a estas tramitacións con proxectos tecnicamente moi complexos e voluminosos, con información sesgada, presións aos particulares por parte dos Agapitos e unha falta de medios suficientes. Unha mostra da absoluta falta de planificación eólica que deixa aos afectados nunha situación de total indefensión e desamparo ao respecto dos seus dereitos fronte á Administración e ás empresas promotoras e que en última instancia está negando os seus dereitos de participación real e efectiva nestes procedementos.