O concello do Carballiño sanea a débeda e consigue estabilidade económica

O grupo de goberno do PSOE do concello do Carballiño facía un comunicado no que daban conta da situación económica e do balance feito dende que o grupo ocupou o goberno. O comunicado é o seguinte:

“Hai sete anos as débedas do Concello do Carballiño superaban os 4,2 millóns de euros. Unha situación que é historia grazas ao traballo desenvolvido polo grupo de goberno do PSOE, e froito do cal é o saneamento das arcas municipais e a situación coa que se conta na actualidade. A mesma non é outra que a de ter unha débeda mínima, que se situaba nos 204.404 euros ao peche do pasado exercicio económico (a 31 de decembro do 2021) e que na actualidade (a 30 setembro do 2022) é de 174.305 euros.

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSOE, con Francisco Fumega como candidato, accedía ao goberno municipal do Concello do Carballiño logo das eleccións municipais celebradas o 24 de maio do 2015. Naquel momento, logo da toma de posesión do novo goberno socialista en xuño, a débeda viva do Concello do Carballiño ascendía a máis de 4,2 millóns de euros. Unha circunstancia que facía prever un difícil horizonte para o equipo de goberno de Francisco Fumega.

Tentar atallar a débeda que arrastraba o Concello do Carballiño, sanear as arcas municipais e axilizar os pagos a provedores para que os mesmos non tivesen que agardar máis do previsto para cobrar foron algúns dos obxectivos marcados polo grupo de goberno do PSOE para ir reducindo e rebaixando as obrigas pendentes de pago. Unha estratexia que xa empezou a dar os seus froitos nese mesmo ano, no que se conseguiu frear o incremento progresivo da débeda que se viña rexistrando nos últimos anos e pechar o exercicio cunha débeda viva por debaixo dos 4 millóns.

As políticas de aforro e efectividade na loita contra as débedas adquiridas coas entidades bancarias postas en práctica polo goberno socialista do Carballiño nestes sete anos foron conseguindo unha rebaixa progresiva da débeda e, como consecuencia, o saneamento das arcas municipais. Ao peche do exercicio 2016 a débeda baixara aos 2,6 millóns e a 31 de decembro do 2017 a mesma era de 1,7 millóns de euros. No 2018 a xestión do equipo de Francisco Fumega conseguiu rebaixala en máis de 1 millón de euros, quedando a mesma en pouco máis de 697.000 euros a 31 de decembro do 2018.

Segundo o último informe de Intervención do Concello do Carballiño a débeda viva, a 30 de setembro deste ano 2022, é de 174.305 euros. En sete anos, e grazas a unha política económica rigorosa e ordenada, o goberno municipal conseguiu rebaixar a débeda en algo máis de 4 millóns de euros.

Mentres se poñían en práctica as políticas de aforro e contención do gasto para rebaixar as obrigas pendentes coas entidades bancarias, o grupo de goberno do Carballiño poñía en práctica unha clara aposta polas políticas sociais, un dos compromisos dos gobernos do PSOE. Desa situación dá conta o gasto en materia social. Ás accións e programas de Servizos Sociais destináronse un total de 473.440 euros no ano 2015. No pasado ano, o exercicio do 2021, o gasto neste mesmo capítulo de Servizos Sociais foi de 1.003.511 euros.”