O PP de Ribadavia presenta unha moción ao pleno para recuperar o normal funcionamento da biblioteca pública municipal

  • Os populares instan ao goberno de PSOE e Ribeiro en Común a que proceda de inmediato a restablecer o normal funcionamento da biblioteca municipal de xeito que a biblioteca recupere plenamente a súa actividade e volva a prestarse un servizo público de calidade á veciñanza.

Ribadavia, 26 de agosto de 2022.- O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia ven de presentar unha moción para o seu debate no próximo Pleno do Concello na que lle piden ao goberno de PSOE e Ribeiro en común que proceda de inmediato a restablecer o normal funcionamento da bibliotreca municipal, de xeito que a biblioteca recupere plenamente a súa actividade e volva a prestarse un servizo de calidade á veciñanza.

Os populares sinalan que hai xa varios meses que calquera usuario ou usuaria da biblioteca pública municipal de Ribadavia pode comprobar como o funcionamento desta instalación municipal difire moito do que tradicionalmente foi o funcionamento desta instalación. Cómpre lembrar que o funcionamento da biblioteca de Ribadavia sempre se caracterizou polo enorme dinamismo á hora de programar actividades, por ser unha biblioteca que contou sempre con un catálogo actualizado coas últimas novidades editoriais e pola gran cantidade de actividades e propostas de dinamización da lectura que levaba a cabo esta biblioteca municipal.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende o grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia afirman que no último ano a situación da biblioteca municipal mudou por causa dunha nefasta xestión dos recursos humanos municipais por parte do goberno de PSOE e Ribeiro en Común que provocou que agora non exista unha persoa que faga as funcións de bibliotecaria, se non que a traballadora da biblioteca só pode facer labores de auxiliar, deste xeito xa non poden organizarse actividades de dinamización da lectura, pedirse subvencións para renovación de fondos bibliográficos e levar a cabo outras moitas actividades que se desenvolvían con anterioridade e facían desta biblioteca unha infraestrutura cultural de referencia na provincia de Ourense polo seu bo funcionamento e bo facer.

A nefasta xestión do goberno de PSOE e Ribeiro en Común ten provocado que a biblioteca de Ribadavia, neste ano, perdera por non presentarse a procesos de concorrencia, as seguintes axudas:

1)  Subvención para mellora das coleccións en formato físico para as bibliotecas e axencias de lectura públicas.

2)  Subvención para a dotación de novidades editoriais en galego en formato físico.

Toda esta situación está provocando un profundo descontento entre os usuarios da biblioteca municipal que non entenden como unha biblioteca que era excelente no seu funcionamento, hoxe preste un servizo deficiente por culpa da mala xestión do goberno bipartito de PSOE e Ribeiro en Común.

A día de hoxe xa non se fan actividades de dinamización da lectura na biblioteca pública, non se adquiren novidades editoriais dende o ano 2021, non se tramitan solicitudes de compra de libros, desapareceu ata a actividade da biblioteca nas RRSS a través das cales os usuarios contaban con información e comunicación permanente da actividade da biblioteca municipal, en definitiva, a día de hoxe temos que asistir atónitos a como por causa da mala xestión deste goberno municipal estase producindo o desmantelamento dun servizo público fundamental para a sociedade de Ribadavia, coma é o da biblioteca.

Por todo isto, o grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia presenta esta moción ao Pleno para exixirlle ao goberno que paren co desmantelamento da biblioteca pública municipal e que procedan de inmediato a devolver o funcionamento normal a este servizo municipal.