Ribadavia realizará un novo pozo para a rede veciñal da Groba e As Chabolas.
O Concello de Ribadavia aprobará no Pleno unha modificación de crédito para realizar un novo pozo na Groba- As Chabolas e intentar reducir os problemas de auga nestes núcleos.
O Concello faino con recursos propios e sen ningunha cooperación da Deputación, a pesar de estar entre as súas obrigas. O Concello de Ribadavia continúa agardando a que desde a Deputación se destinen fondos de axuda para a crise da seca, tal e como está facendo con outros concellos da provincia. Neste sentido, o grupo Ribeiro en Común ten presentada unha Moción tamén neste Pleno, na que reclama que a Deputación axude coas coas medidas para loitar contra a crise da seca, e se comprometa coa mellora da rede de auga municipal, así como coas veciñais da Groba- Chabolas e en Santo André.
Ribadavia a 26 de outubro.
No pasado verán a seca tamén afectou ás redes veciñais de diferentes núcleos, entres eles ao regato e o depósito veciñal da Groba- As Chabolas, agravándose as dificultades e limitacións históricas que xa levan anos padecendo. Esta problemática leva sendo abordada en diferentes Plenos e así trasladada ás diferentes administracións, entre elas a Deputación provincial.
Cada semana a Deputación destina diñeiro público a concellos da provincia, sen embargo, unha vez máis o goberno provincial continúa instalado na discriminación a Ribadavia. Nós seguiremos reclamando un trato xusto para Ribadavia.
Esixímoslle a César Fernández que cese na súa discriminación permanente contra Ribadavia, onte mesmo na Xunta de goberno da Deputación deixaba fora a Ribadavia de todos os proxectos reclamados. Esiximos que abandone esa postura de revanchismo e rancor contra Ribadavia desde a Deputación na que goberna.
Seguimos insistindo que cumpran coa cooperación a que están obrigados como Deputación de toda a provincia que son. 1. A Deputación debe colaborar con todos os concellos da provincia, como o Concello de Ribadavia, que teñen que facer fronte as consecuencias da seca deste ano 2022, e colaborar en gastos tales como o transporte de auga, obras necesarias para subministrar auga, ou semellantes. 2. Así mesmo, solicitamos unha partida suficiente para colaborar na realización do proxecto de Abastecemento e Saneamento núcleos A Groba- As Chabolas, en Ribadavia. 3. Así coma unha subvención nominativa coa Asociación Veciñal de Camporredondo, titular da rede de auga.