A Deputación colabora coa organización do II Encontro Galego de Ciberseguridade

A Deputación de Ourense colabora coa organización do II Encontro Galego de Ciberseguridade, impulsado pola Xunta de Galicia a través do nodo CIBER.gal. A cita celebrarase na Cidade da Cultura o 9 e o 10 de novembro e está destinada a toda a sociedade galega: profesionais do tecido empresarial, estudantes especializados, menores, familias ou administración pública.

Unha das actividades deste evento na que Deputación de Ourense participa activamente é un Escape Room interactivo sobre privacidade e protección de datos, en modalidade presencial e online. Acudir ao encontro é gratuíto, e o prazo de inscrición xa está aberto. Esíxese rexistro tanto para a modalidade en liña coma para a presencial. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O Encontro Galego de Ciberseguridade está enmarcada dentro do Mes Europeo de Ciberseguridade, que se celebra dende 2012 co fin de promover unha contorna dixital segura a todos os niveis. Esta edición está centrada na prevención e loita contra dúas das ciberameazas máis estendidas, o “phishing” e o “ransomware”.

A Deputación asinou en 2020 o convenio de constitución do Nodo de Ciberseguridade de Galicia

A Deputación de Ourense asinou en 2020 o convenio de constitución do Nodo de Ciberseguridade de Galicia, no que participa a Xunta de Galicia, Fegamp, INCIBE, CCN e as outras tres deputacións galegas. 

Este convenio remarca que, “ante o crecemento dos espazos dixitais e a necesidade do desenvolvemento da ciberseguridade como instrumento crave para garantir a normalidade no desenvolvemento de calquera sociedade”, a Xunta de Galicia, a través da AMTEGA, “quere poñer en marcha o nodo CIBER.gal para garantir unha contorna dixital segura e afrontar de maneira colaborativa os retos aos que se deben enfrontar cidadáns, empresas e administracións para protexer os seus activos no ciberespazo, implicando ao conxunto de Administracións Públicas do territorio galego nesta materia, e en coordinación coas organizacións de referencia a nivel nacional, INCIBE e CCN, a fin de aliñar esforzos e compartir sinerxías que logren, a través dun traballo conxunto, dar resposta aos dous grandes obxectivos expostos anteriormente”.

O obxecto do acordo asinado pola Deputación de Ourense é “a constitución do nodo CIBER.gal, estrutura de cooperación en Ciberseguridade para o desenvolvemento de actividades que permitan concienciar e capacitar á cidadanía, as empresas e as administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia con relación á ciberseguridade, así como a posta en marcha de calquera outra iniciativa que as partes consideren oportuna para alcanzar os fins respectivos e obxectivos establecidos neste convenio”.