O PsdeG critica que Baltar rexeite reclamar que a cidade acolla a sede da axencia espacial española

Baltar e a tránsfuga Lama danlle unha “labazada histórica” a ourense e rexeitan reclamar que a cidade acolla a sede da axencia espacial española

“Ourense é a única candidatura que cumpre con todos os requisitos” incidiu Villarino quen tamén reivindicou que “mentres na Deputación se aledan de que A Coruña leve a AESIA, nós aledámonos de que Ourense poida acoller a Axencia Espacial”

AVANTAR ACTIVIDADES

Tampouco quixeron condenar a “aldraxe da Xunta” e insistir na candidatura para acoller a sede da AESIA, no que o PSOE define como unha “traizón inédita” a Ourense e un “atentando aos ourensáns”

Ourense, 28 de outubro de 2022. O PP de Baltar e a deputada tránsfuga Montse Lama veñen de darlle unha “labazada histórica” a Ourense, ao rexeitar reclamar a sede da Axencia Espacial Española (AEE), grazas a unha iniciativa de urxencia do PSdeG-PSOE. Concretamente, o texto que os conservadores rexeitaron insta á institución a demandar esta axencia “en base ao estipulado no Real Decreto 209/2022, que establece o procedemento para a determinación das sedes físicas de entidades do sector público estatal, así como na restante normativa reguladora, presentando a súa candidatura formal dentro do prazo establecido para este proceso”.

Tamén pide ao Goberno de España “afondar nas políticas de descentralización de actividades administrativas e infraestruturas públicas, instalando en Ourense a sede de organismos da Administración Xeral do Estado ou das súas entidades adscritas ou dependentes no marco de reto demográfico, coa finalidade de fixar poboación e impulsar a economía e, nomeadamente, que unha desas sedes sexa a AEE, en base ao estipulado no Real Decreto 209/2022”.

Rafa Villarino salientou a urxencia da iniciativa, xa que o prazo para presentar candidaturas remata o vindeiro luns 7 de novembro e ata entón non terá lugar ningunha outra sesión ordinaria do pleno. “Ourense é a única das aspirantes que cumpre cos requisitos tecnolóxicos, de formación e despoboamento” incidiu o voceiro ao tempo que reivindicou que “mentres na Deputación se aledan de que A Coruña leve a AESIA, nós aledámonos de que Ourense poida acoller a Axencia Espacial”.

“A única escola de Aeronáutica e Espacial que existe en Galicia e no noroeste de España está precisamente en Ourense”, salienta Villarino antes de incidir en que contamos cun tecido empresarial formado por Coasa-Aernnova, Laddes Works ou Egatel, todas elas grandes empresas do sector, así como boas comunicacións tanto ferroviarias como aéreas e por estrada, todos eles criterios específicos desta convocatoria.

Os e as socialistas recordan que “o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, confirmou que presta apoio político e recursos técnicos dispoñibles do Concello para presentar a candidatura”, polo que insisten pedir a todas as administracións públicas –Deputación e Xunta de Galicia– “non deixar pasar esta oportunidade”, posto que Ourense conta cun “ecosistema universitario e empresarial vencellado á aeronáutica”, polo “cumpre sobradamente”. “Tamén a universidade e o campus ourensá manifestaron o seu compromiso coa proposta por vía telefónica”, aseveran.

Este organismo público, cuxa creación aparece recollida reforma da Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación, conta cun compoñente dedicado á Seguridade Nacional e permitirá coordinar as políticas nacionais sobre o espazo, así como a participación de España en programas internacionais neste ámbito, ademais de ser unha ferramenta imprescindible para o avance da ciencia.

Aldraxe da Xunta no proceso de selección da AESIA

No pleno de outubro da Deputación, os e as socialistas tamén pretendían debater e aprobar unha iniciativa do PSdeG-PSOE para condenar a “inaudita aldraxe” da Xunta a Ourense e para defender a esta cidade como “a mellor candidata posible” para acoller a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA). A proposta foi rexeitada por Manuel Baltar e os seus adláteres, así como pola deputada tránsfuga, Montse Lama, nun “ignominioso atentado dos conservadores e da tránsfuga aos intereses da nosa cidade e da nosa provincia”.

O texto da moción reclama á Xunta que “rectifique a decisión de escoller á cidade da Coruña como a súa candidata para acoller a AESIA e propoña a Ourense para este fin, xa que é a única candidata galega que cumpre todos os requisitos estipulados nos reais decretos que establecen o procedemento para a determinación das sedes físicas de entidades do sector público e na restante normativa que regula a desconcentración da administración estatal”.

Igualmente pide “rexeitar a aldraxe acometida contra a cidade de Ourense e a súa provincia, ao non elixir a proposta ourensá ao executar un proceder unilateral que non figura en ningunha das normas que regula este proceso, xa que decidiu ponderar máis uns criterios fronte a outros, primando o tecido empresarial fronte ao resto, o que elevou a candidatura da Coruña”.

Por último, tamén insta á comisión consultiva estatal creada para este procedemento e ao Goberno central a “afondar nas políticas de descentralización de actividades administrativas e infraestruturas públicas, instalando en Ourense a sede de organismos” da súa competencia.

O voceiro provincial, Rafa Villarino, asegura que “no lugar de apostar por Ourense, que si cumpre todos os requisitos, a Xunta escolleu a dedo á cidade da Coruña como candidata”, no que definen como “unha decisión incongruente e inxusta”. Para Villarino a decisión da Xunta evidencia que “estamos ante unha decisión que ten que moito máis que ver co centralismo económico e de poder e non ante unha elección realmente democrática e xusta”.

O grupo socialista tamén remacha que a decisión adoptada polo goberno de Galicia que agora apoia o presidente da nosa institución provincial nunha “traizón inédita a Ourense”, co aplauso da tránsfuga Lama, evidencia o “nulo peso que ten a Deputación no sistema político galego”, xa que nesta “loita de poder político, o presidente da Deputación non é considerado”, chegando Baltar “a someterse aos intereses doutras institucións”.

Desde PSOE insisten en que estamos nunha provincia e nunha cidade historicamente maltratadas e por iso “hai que darlle a volta de inmediato a esta decisión arbitraria da Xunta, provocada pola ponderación a dedo duns criterios, un proceder que incumpre o estipulado na normativa reguladora e nos principios xerais deste proceso de desconcentración”, rematan.