O PsdeG denuncia que no pleno da Deputación se impidira a construción dun cemiterio multicultural na provincia

O psdeg-psoe de ourense denuncia que Baltar e a tránsfuga Lama impiden a construción dun cemiterio multicultural na provincia que acolla todas as confesións ou prácticas

PP, BNG e a deputada tránsfuga, Montse Lama, non apoiaron esta necesaria proposta, a pesar de que o Parlamento de Galicia aprobou unha iniciativa igual en 2017 co seu voto favorable

AVANTAR ACTIVIDADES

Os e as socialistas tamén impulsaron unha moción para defender a bonificación, rebaixa ou supresión da taxa do servizo de recadación desta institución, que foi tombada polo PP e a tránsfuga

Ourense, 28 de outubro de 2022. O PSdeG-PSOE denuncia que o PP e a deputada tránsfuga, Montse Lama, impediron hoxe, co seu voto en contra, que a Deputación de Ourense impulse, en cooperación coas entidades locais, a construción dun cemiterio multicultural supramunicipal que permita acoller todas as confesións ou prácticas mortuorias. Concretamente, reclamabase un espazo común pero con zonas diferenciadas que reflicta as diferentes culturas, lugares e relixións. BNG e DO tampouco apoiaron a iniciativa.

“Debemos facilitar proxectos de vida de todas as persoas en condicións de igualdade” e “para alcanzar unha integración plena, a morte, como parte da vida, tamén debe formar parte dos nosos plans como administracións públicas”, sinalou o deputado, Aurentino Alonso, que definiu esta iniciativa como “de respecto á diversidade, de tolerancia e de coherencia cos nosos valores como sociedade democrática”.

Alonso, que se manifestou “decepcionado” pola posición dos grupos, destapou un acordo unánime do Parlamento de Galicia que, en 2017, a iniciativa do PP e co voto favorable do Bloque, aprobou dotar a Galicia xustamente disto: un cemiterio supramunicipal multicultural. “Non se documentaron antes de vir a este pleno”, denunciou o deputado socialista tras detallar con números a importante porcentaxe de veciños e veciñas que “non teñen dereito a enterrarse aquí” porque as administracións “non lles damos solucións”.

“Queremos ofrecer un trato digno que permita unha xestión harmoniosa da morte e quedarse aquí segundo as súas costumes”, insistiu Alonso antes de recordar que a meirande parte das entidades locais carecen de capacidade económica e técnica para asumir un investimento deste calibre. “Por iso defendemos que sexa a Deputación quen dea un paso á fronte”, dixo. O deputado recordou que a institución aporta “cartos para tanatorios municipais”, polo que non facelo para este cemiterio é unha escusa.

O PSdeG-PSOE recorda que a veciñanza galega que profesa outras relixións ou culturas como, por exemplo a musulmá, debe facer colleitas para ser repatriada a outras cidades ou países. “Desde as institucións debemos considerar o dereito fundamental de toda persoa a recibir sepultura digna e a non ser obrigada a practicar cultos contrarios”, insistiron os e as socialistas.

O servizo do cemiterio é unha competencia obrigada de todos os municipios, independentemente do número de habitantes, segundo detalla a Lei 7/1985 Reguladora das Bases de Réxime Local. A Lei 49/1978, de Enterramentos en Cemiterios Municipais tamén recolle que nestes cemiterios de carácter municipal deben poder se practicados “todos os ritos, sen discriminación por razón de relixión”.

Bonificación, rebaixa ou supresión da taxa do servizo de recadación

No pleno da Deputación, os e as socialistas tamén impulsaron unha iniciativa para defender a bonificación, rebaixa ou supresión da taxa do servizo de recadación desta institución. A proposta foi rexeitada cos votos de PP e da tránsfuga, Montse Lama, e a abstención de Democracia Ourensana.

A moción instaba á institución provincial ao “estudo da posibilidade de implantar bonificacións, reducións ou mesmo a supresión temporal no tipo de gravame da taxa pola prestación dos servizos de xestión, inspección e recadación”. Igualmente reclamaba “modificar as ordenanzas fiscais en vigor, para poder levar a cabo estas rebaixas ou supresións no exercicio 2023”.

O texto refírese á ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos de xestión, inspección e recadación pola Deputación publicada no BOP, na que se indica que “a cota tributaria resulta de aplicarlles ás cantidades efectivamente recadadas de padróns, liquidacións, altas e outros ingresos non periódicos, o tipo de gravame único do 5 %”.

Segundo explicou o voceiro, Rafa Villarino, o obxecto é “seguir a impulsar, desde todos os niveis administrativos, medidas que permitan mitigar o impacto do encarecemento dos prezos” e “sabendo que esta Deputación presume habitualmente dun elevado remanente de tesourería, desde o grupo socialista defendemos que é posible unha merma dos ingresos sen empeorar os servizos”, polo que o goberno provincial conta “cunha evidente capacidade para aplicar unha rebaixa ou mesmo a supresión”.

Ante a negativa dos populares, Villarino detallou acordos e propostas similares impulsadas polo PP en varios concellos da provincia e tamén polo seu líder nacional, Núñez Feijóo, polo que encomendou aos conservadores a “prepararse mellor as cousas” e a aplicar a “presunción de boa fe” para “non enfrontarse as súas propias ideas”. “A ver como lle explican agora á veciñanza que votan en contra disto”, dixo.

“Todas as administracións públicas, á hora de determinar os seus impostos propios, deben actuar con responsabilidade”, insistiu o voceiro antes de indicar que “é unha medida perfectamente defendible” e non fixemos “ningún cálculo concreto” porque “cremos que deben ser os técnicos e técnicas desta institución quen acoten a proposta”.