A Deputación finaliza con éxito o proxecto de identificación electrónica transfronteiriza

O proxecto “eID4Spain20” ten como obxectivo facilitar a toda a cidadanía e ás empresas da Unión Europea o acceso aos servizos públicos dixitais que ofrece a institución provincial

Manuel Baltar enmarca esta iniciativa dentro da “nosa aposta pola loita contra a fenda dixital e o emprego das novas tecnoloxías para facilitar as relacións da cidadanía coa administración”

AVANTAR ACTIVIDADES

O proxecto “eID4Spain20” estivo realizado en colaboración co Ajuntament de Torrent e o Ayuntamiento de Alcobendas e a coordinación da Universitat de València

Ourense, 30 de outubro de 2022.- A Deputación de Ourense, a través da Área de Transparencia e Goberno Aberto, finalizou con éxito o proxecto “eID4Spain20”, que ten como obxectivo facilitar a toda a cidadanía e ás empresas da Unión Europea o acceso aos servizos públicos dixitais que ofrece a institución provincial e que concluíu exitosamente este mes. 

O presidente da Deputación enmarca este proxecto dentro da “nosa aposta pola loita contra a fenda dixital e o emprego das novas tecnoloxías para facilitar as relacións da cidadanía coa administración, un compromiso básico deste goberno provincial con fitos como a Mobile Week Ourense e numerosas iniciativas desenroladas arredor da administración dixital, sempre baixo un pulo que combina a innovación coa eficacia”.

En concreto, esta iniciativa conectou os servizos electrónicos públicos de tres administracións españolas locais e rexionais -a Deputación de Ourense, o Ajuntament de Torrent e o Ayuntamiento de Alcobendas, coa coordinación da Universitat de València- ao nodo eIDAS español, vía Cl@ve 2.0, para habilitar a autenticación transfronteiriza cumprindo co regulamento eIDAS. Grazas a esta acción, os cidadáns europeos que desexen realizar trámites a través dos portais da administración electrónica da Deputación poderán identificarse de maneira dixital cos seus certificados emitidos nos seus países de orixe. Os portais locais poderán autenticar a identidade dos cidadáns usando os nodos eIDAS en orixe e darán validez local á súa identidade persoal.

Facilitar o acceso aos servizos públicos electrónicos españois

A acción axudará a España a cumprir os requisitos do Regulamento eIDAS e facilitará o acceso aos servizos públicos electrónicos españois a todos os cidadáns e empresas da UE que utilicen o seu DNI electrónico nacional.

Dado que o primeiro requisito para acceder a unha sede electrónica é a identificación do usuario, a Deputación de Ourense está a traballar na progresiva actualización de todos os trámites que se poden realizar de maneira telemática, de tal maneira que tanto os cidadáns como as empresas da Unión Europea podan utilizar a súa identificación electrónica nacional para acceder aos mesmos servizos que os cidadáns españois. Do mesmo xeito, continúase traballando non só en dotar de maior número de servizos accesibles a través de canles electrónicas, senón dunha maior accesibilidade e facilidade de uso dos mesmos.

A Axencia Executiva Europea nos ámbitos da Saúde e Dixital (HaDEA) da Comisión Europea cofinancia este proxecto a través do programa CEF Telecom. Tras 18 meses de traballo, a pasada semana tivo lugar unha reunión de validación dos proxectos na que se deu a aprobación á implementación levada a cabo por parte do goberno provincial. 

Pódese atopar máis información na súa páxina web oficial https://cef.uv.es/eID4Spain2020/index.php/es/