A Deputación colaborará co Concello de Boborás na mellora das infraestruturas, a eficiencia enerxética e no ámbito cultural

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, mantivo un encontro de traballo coa alcaldesa Patricia Torres

Manuel Baltar avanzou o apoio a varias iniciativas de cooperación propostas pola rexedora, como o asfaltado de estradas, obras de humanización e eficiencia enerxética ou a recuperación de dous lavadoiros. A Deputación tamén colaborará na financiación da festa histórica “1809. A Batalla”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 1 de novembro de 2022.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo un encontro de traballo no Pazo Provincial coa alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, para abordar novas iniciativas de colaboración entre ambas administracións en materia de infraestruturas, eficiencia enerxética e no ámbito cultural. 

“Unha xuntanza moi satisfactoria”, segundo valorou o presidente do goberno provincial, que garantiu o respaldo da Deputación a varios proxectos propostos pola rexedora, entre os que se inclúen actuacións de asfaltado en estradas do municipio. “Un proxecto necesario co que melloraremos a circulación entre os núcleos de Boborás e se reforza a seguridade dos veciños”, remarca Patricia Torres, que tamén sumou o apoio da Deputación para obras de humanización, “seguindo coa liña marcada polo goberno municipal deste comezo do mandato, neste caso con actuacións en Xurenzás e Brués”. 

Nesta reunión, a rexedora prantexou a Manuel Baltar o proxecto de rehabilitación dos lavadoiros de Sonelle e Boborás, que contarán coa achega dun goberno provincial que no futuro tamén cofinanciará o DUS 5000, un proxecto de renovación do alumeado público -co seu paso a LED- activado a partir da obtención, por parte de Boborás, dunha subvención con cargo a fondos europeos do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE). 

Ademais, a Deputación tamén colaborará coa financiación da festa histórica “1809. A Batalla”, que volve despois do obrigado parón pola pandemia. 

“Proxectos e iniciativas importantes para Boborás, que permiten seguir mellorando as infraestruturas e servizos públicos á vez que se potencia o seu patrimonio e a súa capacidade turística”, valora Manuel Baltar antes de aplaudir o “liderado de Patricia Torres e o seu equipo de goberno municipal, permanentemente na procura de melloras para o concello, un traballo diario no que sempre terán a Deputación de Ourense ao seu carón”.