Felipe Senén: “O Tempo de Defuntos no pétreo barco do Cemiterio de Señorín “

Por Felipe-Senén

Daqueles arrieiros vellos, os derradeiros, teño escoitado unha adiviña en relación cos camiños do Carballiño e que dicía así: “Da Fontiña do ouro á Fontiña Ferrada hai unha trabe de ouro que reloce en toda España”. A Fontiña do Ouro, é  unha antiga mina furada, hoxe atuada, cara á alborada, nas abas do monte da Pena, en Señorín, preto da Fontiña da Moa e do que hoxe é Instituto do Bacharelato. Namentres que a Fontiña Ferrada está cara ao solpor, nos lameiros de Carrás e entre os vellos camiños que levaban e viñan de Mesego… E o cemiterio de Señorín, como un barco de pedra, emproando, do nacente ao poñente, a medio camiño, entre as Fontiñas do Ouro e a Ferrada: ouro e ferro indicando o nacer e a morte do  día. A adiviña ben se entende entón: trabe de ouro que escintila sobre os camiños, sol que nos orienta.

AVANTAR ACTIVIDADES
Capeliña ánimas, estrada de Ribadavia

Vellos contos que ben aquecen no tempos de Santos e Defuntos, como dicían  os nosos devanceiros e mesmo os clásicos, lease a Risco, a Otero Pedrayo, a Cuevillas… tan sabios de tradicións, os que, pese a miarse no espello da nación céltica de Irlanda, non aplicaron o de  Samhain ou Samaín gaélico e menos o de Halloween yankee: unha, denominación ben intencionada nacida da celtofilia romántica de Eirín (que tampouco sobra) outra nacida do desbaratado consumismo. Ao fin e ao cabo, na actualidade, entroido outonal de terror pra gloria do gran comercio oriental, refírome ao Bazar Chinés, negocio que se fai de ouro coas festas tradicionais galegas, a que tanto reportan de exotismo.

Tempo de novembro, o de Defuntos e Magostos, mes dedicado ao San Martiño, o que cristianiza tantas tradicións romanas e aínda máis antigas, celtas, caracterizadas por esa interacción paisaxe-paisanaxe, polo animismo, cando o mundo do pasado, o do Trasmundo se asoma, se aparece en Santa Compaña, en señas, estadeas… ou avisa a través do ouveo dun can, dun corvo que pasa….e faino como sombra amiga, vestida de branco,  con cirios e arrecendo a crisantemo e a incenso, dando consellos… fantasmas, nunca de negro e menos portando unha gadañas ou sangrando, como interfire hoxe no imaxinario inspirada na flmografía gore.

Entrada

Tempo de Defuntos, días de lembranzas, de memoria, de historia persoal e familiar, arredor dos ausentes. Sentimentos que a emigración galega levou en misión ás américas e que mesmo ampliou e mellorou con aquelas devoción precolombinas aos mortos, as que trouxo a este confín, exposto en portos e encrucilladas. hoxe son os plasmas os que educan ou maleducan.

Pois velaí seguindo o ciclo agrario, observando e celebrando cando unha planta murcha, logo renace, verdea e florea, cando a flor se convirte en froito e o froito acocha sementes: ciclo que parte coa entrada no tempo escuro, o que os celtas festexaban  no que os gaélicos irlandeses chaman Samaín, como tamén chamaron Imbolc á metade dese mesmo tempo sombrío. Chuviñoso e frío; como chamaron Beltane  ao inicio do tempo da luz, nosa Candeloria e  Lugnasad  á metade dese tempo claro, con volven as bandadas de paxaros e o campo florea… Días de encontro da tribo en función do devalar da luz, xornadas que centran o almanaque, celebradas en Galiza como en poucas partes, en fogueiras, luz, cor, músicas…: Nadal, Candeloria, Entroido, Maios, San Xoán, Magostos….

Pois velaquí o noso Tempo de Defuntos, o dos Magostos, cando se celebran as sementes: as castañas que se asan en fogueiras, cando se abren as billas e se proba o viño novo, cando mesmo se pode incluír algún asado do porco que lle vai tocando o seu “San Martiño”. Tempo das mazás de inverno, das cabazas verdes e douradas… formas esféricas, preñadas de sementes, de futuro…todo un símbolo cosmogónico que se celebra e significa vida-resurrección-morte, esperanza, entre adornos de colares de zonchos ou castañas, cabazas valeiras, labradas simulando caveiras, os calacús que se poñían nos camiños, inxenuo rito de pasaxe pra os máis novos, polo que espantar medos e que a nosa sociedade, máis sabechosa e maliciosa, consumida polo consumismo, vai aculturando en xeitos cada vez máis sanguiñolentos, terroríficos e agresivos.

Tumba Fumega Piñeiro

Señorín, parroquia dos mortos, antoloxía da arte funeraria do século XIX e XX

Tempo carballiñés no que se facía o camiño a pe cara ao cemiterio de Señorín: dende o cruce de Ribadavia cara ao Torrón, ringleiras de famlias, atravesando a ponte do Carrás, levando flores e cirios, luz e cor pras tumbas grises, deixando algún crisantemo solto naquel, cada vez máis esquecido, decimonónica capeliña de ánimas que está na estrada, lembrando unha morte no camiño.

O cemiterio de Señorín semella un barco de pedra, como barca de Caronte, que, decidida, emproa ao solpor en dúas partes: a orixinal e a nova, esta ampliación dos anos oitenta na que mesmo a Igrexa abriu un  paso entre unha e outra parte, anulando, entre outros o nicho dunha das grandes benfeitoras da parroquia, Margarida Taboada. Ben murado camposanto que se lle debe a don Perfectino Vieitez, o filántropo que, ademais mercou sumou unha parte para cemiterio civil, persoeiro, vida de novela que tanto deu pra obras sociais da vila, por exemplo terreos pra facer a estación do ferrocarril, hoxe apropiados… Pero iso é outro contar.

Tumba racionalista Enríquez Parrondo

 Camposanto parte do Igrexario parroquial de San Roque de Señorín, ao que non faltaba antiga, potente e ben defendida casa e horta reitoral. Con igrexa que é obra de fíns do século XVIII, cando se vai consolidando a vila do Carballiño, núcleo que inicialmente dependía desta parroquia,  poida que erguida sobre a base doutro templo mais antigo e do que non queda vestixio. Porta de  entrada sobre a que campa a marca e procedencia, o escudo do Real mosteiro de Oseira (tómese nota de cal é o emblema heráldico destas terras), todo un símbolo de propiedade e humanización do territorio. Parte de entrada do cemiterio ocupada polas familias máis vellas da vila, onde campa tamén certo clasismo entre a sinxeleza popular e a grandilocuencia burguesa: estruturas de panteóns nas que cabe maxinar aos mellores arquitectos ourensáns da época, como aos mellores canteiros atraídos ou asentados no Carballiño, solicitados por unha fidalguía que se asentaba á beira dos novos camiños e da feira.

 Nao, adro, parroquia dos mortos, centrada pola Igrexa dedicada a un santo dos camiños, o San Roque, entronizado en altar maior, lección de cantería, onde ademais se venera a un santo moi de devoción portuguesa, o Bon Xesús, patrón de Flores. Templo de sinxela torre que remata nunha cruz gaudiniana, desas de catro caras… posta nos anos setenta polo catedrático Francisco Dapena Alfonsín, natural destas terras e un dos arquitectos da bercelonesa Sagrada Familia, asesor na remodelación e ampliación do camposanto.

Recinto que nunha esquina tiña un pequeno cuarto de autopsias e  noutra o osario, naquel meu tempo cheo de cal e fume, pozo de morte, recintos que atraian o morbo dos nenos…   Entrada con cancela de ferro aberta á estrada, fronte no que nestes anos da pandemia, no 1921, se puxo un sinxelo cruceiro, trasladado do lugar do Eixo do Ribeiro no Torrón que alí corría perigo. Cruceiro, oración, poema de pedra, erguido entre o caos terreal e o estelar cosmos, algo que nunca queda mal e significa moito. Pórtico de entrada, sen grandilocuencia, sen sentencias escritas, intimidatorias sobre a morte, como pasa en tantos sitios, o que tamén lle da ao lugar un carácter de convivencia civil. De inmediato e cara á igrexa sorpréndenos a variedade de xeitos de panteóns: románticos, neogóticos, erguidos e abertos ao ceo e ás tempestades, pétreos catafalcos baixo baldaquinos, como o dos Rodrieguez Sieiro, entre outras capeliñas rematadas con cruz ou sen ela, con imaxes de anxos e santos, reflectindo espiritualidade…

Panteón dos Rodríguez Sieiro

Templos familiares arredor do enigma da vida e da morte, os que, dalgún xeito, acollen reliquias de pasado: o sobrio panteón, como un caserón, o de don Perfectino Viéitez, onde os nichos semellan fiestras que asoman ao misterio.. Panteón e novidosas casas  promovidas por don Perfectino que campan na vila e no cemiterio, obra do mesmo autor que fixo tamén dúas casonas xemelgas na Praza dos Prieto, tras a casa do Quiroga, e que quizais se deban a autoría do arquitecto López Crespo. E detrás deste sobrio panteón o, non de menor categoría, dos Ulloa, último paradeiro dunha casta fidalga, con nicho cuberto por gran placa de ferro fundido nos primeiros talleres ourensáns de Malingre.

Panteón dos Ulloa

Coidamos que a primeira organización do cemiterio se debe ao arquitecto que, a fins do século XIX cumpría funcións na diocese de Ourense, José Antonio Queralt Rauret , tan de gusto romántico, neogótico,  panteóns como o referido dos Viéitez, emprendedor moi vinculado a empresas catalás da construción, onde se nota o clasicismo do devandito arquitecto ourensán Antonio Crespo López. E nesa vila dos mortos, sobre unha desas capelas identificase a man do gran  e solicitado escultor de cruceiros e panteón, natural da terras de Cotobade,  Xosé Cerviño García, autor do cruceiro de Hio, entre outras antolóxicas obras, xente de taberna tamén e do que se dicía que “Cerviño canto gañaba gastábao en viño”. Mereceríase un catálogo e unha protección especial para esta antoloxía de arte funeraria.

Panteón con labras de Cerviño

Paseo onde atopamos cos nomes de tantos, incluso ilustres: a capela da familia Blanco Maneiro coa sepultura do pintor Quessada, e do seu malogrado fillo e gran creador; inmediata á da familia dos construtores  Adolfo Otero, a que ben se distingue por ter labrada , case como filigrana que é, o templo da Veracruz…no mesmo chan da entrada á igrexa temos a campa dos Vázquez Monjardín, un bo e xeneroso da “Xeración Nós”…. Nesta parte norte, pegada á igrexa as tumbas máis antigas, das primeiras décadas do século XIX, como a de Ramira Urbina Álvarez y Toubes, con longo e sentido epitafio… a carón panteóns novos, un co nicho de Ernesto Atanasio “O Corcheiro”, un filósofo do nacionalismo galego, lápida na que campa o simbólico mapa das súas querenzas, o da Galiza, feito en cortiza…e tantos e tantas campas…mesmo no chan a de Pepe Prada con letras sacadas do ideario tipográfico galeguista. E tantos sentidos homenaxes pétreos, bendicidos con bagoas e responsos, agora algúns esquecemento e que a natureza se empeña en vestir de mofo e edras.

A parte nova é como un desfile de panteóns iguais, algunha capela  sobranceira en primeira liña, con obra de significados imaxineiros do século XX, como Aldrey. Capelas, as máis que responden a vidas de traballo polos camiños da emigración.

¿Qué buscas cando vas ao cemiterio?. Iso preguntoumo o sacerdote amigo don Manuel Espiña. Non souben que dicirlle, quizais busco a memoria…e il dixo que tamén, pero asentou que o que se busca é a Esperanza, iso mesmo que buscan as relixións como parte de Deus. Non sobra envolverse na mística, na filosofía,  no optimismo da esperanza e da luz, a través desa idea facemos Arte.

Visión xeral

Non chegarían os ramos de flores , nin os cirios co cubrir no tempo dos Defuntos ese noso barco pétreo de Señorín, con tanto de civil como de eclesiástico que ten, cargado de lembranzas. Couto onde, inevitablemente, nos esperan, emproando, cada día, entre a Fontiña do Ouro e a Fontiña Ferrada.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Felipe Senén:”as decimonónicas fábricas de papel das terras do Arenteiro”

Felipe Senén: ” Algunhas lembranzas arredor da miña Eira de Flores “

Felipe Senén: ” O CARBALLIÑO, CAPITAL MUNDIAL DO PULPO”

Felipe Senén: “o pulpo, Aurora Baranda e o Carballiño, unha santa trindade galega”

Felipe Senén: “de monte de Mesego a cidade xardín e Parque do Carballiño”

Felipe Senén: Lalín, o Carballiño e o ir e vir do pintor “Laxeiro”

Felipe Senén: “Xoán Xacobe Fernández, o franciscano de Moire e mártir en Damasco”

Felipe Senén: “As Adegas, un idílico e misterioso lugar no ribeiriño do rio Varón”

Felipe Senén: “O profesor de debuxo, os carteis e as iniciativas de Felipe-Luis López”

Felipe Senén: ” O gran fotógrafo Alberto Martí e o Carballiño

Felipe Senén: “A Pena de Queiras entre os outeiros, “ou altares” que coroan o Carballiño “

Felipe Senén: “Veremundo Arias Teixeiro, de Cabanelas, persoeiro barroco nos anos da Ilustración”

Felipe Senén: “Flores, o barrio da parte de atrás do Concello”

Felipe Senén: “A saga familiar do arquitecto Gallego Jorreto e o Carballiño”

Felipe Senén: “Arredor das pontes sobre os ríos do Carballiño”

Felipe Senén: A fervenza artificial do Arenteiro nas Tres Penas

A Praza de Abastos: catedral do mercado gastronómico e que, de vello, honra ao Carballiño

Pregóns, aturuxos, voces, músicas ou asubíos do meu Carballiño

O bulir da feira do Carballiño arredor do sitio da súa orixe: a Praza Maior e a Igrexa Vella

O Campo da feira do meu Carballiño

A peregrinación a Compostela dos de “Nós”, con parada e fonda no Carballiño

Vicente Risco e a peregrinación como ascese. A viaxe a pé de Ourense a Compostela…polo Carballiño

Fariña Jamardo, algo máis que singular secretario do concello do Carballiño

O Carballiño nos horizontes da Trasalba de Otero Pedrayo

O Río Arenteiro, vea de auga, de economía, de historia e cultura

Francisco Luís Bernárdez, o poeta masidao que levaba prendido o panteísmo galego

O Castro de San Cibrao das Las enxergando as bocarribeiras e os ribeiros

Chamoso Lamas e os vellos e grandes muíños de Moldes

O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño