Memoria Vermella. Plataforma en defensa do legado e historia do CD Ourense

Esta fin de semana a plataforma Memoria Vermella, de siareiros, siareiras e simpatizantes del Club Deportivo Ourense comeza unha campaña baixo o eslogan Memoria Vermella: “o vermello non é unha cor, é un sentimento” coa que queremos visibilizar una situación que vive o legado ea historia de CD Ourense, despois dos últimos acontecementos acontecidos no estadio do Couto, onde desapareceu o vermello das bancadas, se destrozou o monolito en homenaxe a CD Ourense e estase eliminando o mural co superman co escudo de CD Ourense.
Ante esta situación y aprobando o encontro da UD Ourense eo Somozas, o vindeiro sábado ás 19:00 horas da tarde, facemos un chamamento a todos y todas os que acudan ao encontro a que porten unha elástica vermella para darlle colorido as bancadas e recuperar o vermello en el estadio do Couto. Procederemos a repartir octavillas ea informar a veciñanza de Ourense da situación eo que acontece coa memoria de CD Ourense. Próximamente tamén levaremos a cabo máis iniciativas.

COMUNICADO

AVANTAR ACTIVIDADES

Ao longo dos últimos meses, vimos de comprobar como as obras, que está a levar cabo
a Xunta de Galicia no estadio do Couto, estanse convertendo na escusa perfecta para
eliminar por completo o legado e a memoria de Club Deportivo Ourense, referente do
fútbol na cidade e provincia durante os seus 62 anos de vida.
O que parecía que sería un proxecto para lavar a cara do noso estadio e mellorar as
condicións e accesibilidade do mesmo, converteuse nunha obra que busca borrar por
completo calquera referencia a Club Deportivo Ourense, e o que é máis grave, eliminar
do estadio a cor vermella, identificativa do club, dos seareiros e seareiras e da cidade de
Ourense.
Primeiro optaron por eliminar a cor vermella das bancadas, coa instalación de cadeiras
de cor azul, unha nova artimaña coa que trataban de borrar toda referencia a Club
Deportivo Ourense, buque insignia da cidade e da provincia dende 1952, ano do seu
nacemento, e ata 2014, ano da súa tráxica defunción. A presión popular levou a Xunta
de Galicia a recuar e a ter que aceptar a instalación de cadeiras vermellas, máis polo
visto no estadio, non se realizará da forma axeitada, senón que se situarán por filas
aleatorias, sen seguir ningún patrón e amosando que a estética do estadio e das cores
dálles exactamente igual.
O vermello representa o pasado, o presente e o futuro do fútbol da nosa cidade. Trátase
da cor de referencia do fútbol ourensán, coa que nos identifican por todo o territorio
nacional e que é o símbolo inequívoco dos nosos alicerces, a nosa sinal de identidade e
parte da vida e da historia do ourensanismo. Falar de Ourense e do fútbol ourensán e
falar da cor vermella, polo que non entendemos esta animadversión cara estas cores.
Non contentos con tratar de eliminar as cores vermellas, agora optaron tamén por
destruír o mural homenaxe a Club Deportivo Ourense, presente na entrada ao estadio
do Couto e que todo aquel e toda aquela que visitaba o templo do fútbol ourensán podía
contemplar no seu máximo esplendor. O “superman”, co escudo de CD Ourense, é outro
dos elementos característicos e de lembranza do club dos nosos amores, pero agora
decidiron rachar o muro, e posiblemente en próximas datas acabará por desaparecer
por completo debaixo dunha capa de pintura.
A isto tamén podemos sumar a destrución do monolito homenaxe a Club Deportivo
Ourense e que se atopaba a carón da entrada a vestiarios. Non sabemos se foi destruído
a conciencia ou por mor dun erro, pero consideramos que alguén debería saír a dar
explicacións públicas e a afirmar se arranxarán este desperfecto causado durante as
obras de reforma.
Os seareiros, as seareiras e os e as simpatizantes de Club Deportivo Ourense non imos
permanecer impasibles namentres se atenta contra a historia do fútbol en Ourense. Por
este motivo, decidimos organizarnos, co obxectivo de loitar e defender o legado e a
historia do club dos nosos amores. Club Deportivo Ourense foi parte da nosa vida dende
que eramos cativos e cativas, foi o nexo de unión de todos e todas nós, símbolo da nosa
cidade e un exemplo de como defender a mesma en cada encontro e en cada partido
tanto no Couto, como lonxe da casa. Club Deportivo Ourense serviu para forxar grandes
amizades, incluso algún matrimonio, era a forza da nosa unión, un sentimento profundo
no noso corazón que nos levaba cada domingo a xuntarnos e desfrutar unidos das nosas
cores, o noso club e dun sentimento eterno, o do ourensanismo.
Consideramos que as últimas actuacións levadas a cabo no estadio do Couto deixan en
evidencia que alguén quere rematar de golpe e plumazo co legado, a memoria e a
historia de Club Deportivo Ourense. Non o imos permitir. Por iso, decidimos dar este
paso, para defender a nosa historia, para loitar e reivindicar as cores vermellas e para
dicirlles a aqueles que están detrás deste atentado, que non imos permitir este tipo de
actuacións. A memoria é a historia do noso club e xamais nola poderán arrebatar.
Loitaremos nas bancadas, loitaremos nas rúas, loitaremos diante das institucións e
loitaremos onde faga falta, ata o último dos nosos folgos para que a memoria e o legado
de CD Ourense siga vivo.
CD Ourense morreu en 2014, pero das súas cinzas xurdiu un novo proxecto, que viu a
luz cunha filosofía clara, lembrar e homenaxear a ese club que tantas ledicias e tardes
de gloria nos deu sobre o céspede do Couto e en tantos outros campos polos que pasou.
Un club que segue vivo na nosa memoria, unhas cores que seguen a ser as nosas e un
sentimento que pasa de xeración en xeración e que xamais ninguén poderá erradicar.
Ante estas circunstancias, instamos a todos aqueles e a todas aquelas que vibrastes,
amastes, desfrutastes e defendestes as cores vermellas, a que vos sumedes a esta
iniciativa. Defendamos a memoria de CD Ourense, honremos a súa historia e nunca
esquezamos que o vermello é a cor do noso corazón e do ourensanismo. Con este
comunicado comeza unha campaña coa que queremos sensibilizar á veciñanza de
Ourense da situación e coa que buscamos que as forzas vivas da cidade se unan para
defender o noso legado e a nosa historia contra os atropelos que estamos a sufrir. Se
nós non defendemos o noso, se nós non alzamos a voz, ninguén o vai facer.
Seguiremos loitando porque se respecte a nosa historia, as nosas cores e porque os
titulares do estadio do Couto non destrúan o noso pasado. Pos iso, facemos este
chamamento, para que conservemos a MEMORIA VERMELLA e para que lles
lembremos aos que están tras estas argucias que O VERMELLO NON É UNHA COR,
É UN SENTIMENTO