Down Ourense presenta o seu calendario solidario do 2023, que conta coa colaboración da Deputación

-11.00 horas: Presentación do calendario solidario da Asociación Down Ourense.- A deputada Luz Doporto participa na presentación da nova edición do calendario solidario da Asociación Down Ourense. Estará acompañada pola presidenta da asociación, Sonia González, e o fotógrafo do calendario, Emilio Romanos. Lugar: Sala de prensa da Deputación.

Asociación Down Ourense presentou esta mañá no Pazo Provincial o seu calendario solidario 2023, que se poderá adquirir a partir do día de hoxe en diversos puntos da cidade e que contou coa colaboración da Deputación de Ourense. 

A deputada Luz Doporto participou na presentación, acompañada pola presidenta da Asociación Down Ourense, Sonia González; e o fotógrafo Emilio Romanos, encargado das fotografías que acompañan o almanaque. 

AVANTAR ACTIVIDADES

A deputada resaltou a importante labor realizada por Down Ourense, e como este tipo de iniciativas permiten consolidar a súa presenza na sociedade ourensá. 

Pola súa banda, Sonia González destacou a importancia desta iniciativa e resaltou que “o calendario solidario supón para Down Ourense unha fonte de ingresos moi importante e é unha vía máis de visibilidade e protagonismo para as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais”. Tamén quixo agradecer “a participación de todas as persoas que, de maneira desinteresada, o fixeron realidade” e aproveitou a súa intervención para recordar que “coa súa compra estase apoiando a inclusión do colectivo”.

Nesta edición, a asociación contou coa colaboración de distintos medios de comunicación da comarca e do fotógrafo Emilio Romanos, que conseguiu captar momentos de membros de Down Ourense nas dependencias de La Región, Telemiño, La Voz de Galicia, Radio Ourense Cadena Ser, Radio Televisión de Galicia, Radio Televisión Española e Faro de Ourense. Deste xeito, mozos e mozas da entidade posaron en platós de televisión, estudios de radio, redaccións de prensa ou mesmo gravando con cámaras profesionais e dando a predición meteorolóxica.

Este ano a tirada será de 1.000 exemplares: 300 calendarios de parede e 700 calendarios de mesa. Todos eles terán un prezo de 5€ e os beneficios obtidos coa súa venda irán destinados integramente ós programas de promoción da autonomía persoal que se levan a cabo en Down Ourense e que, actualmente, dan servizo a 80 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e ás súas familias.

Aquelas persoas que así o desexen, poderán adquirir o seu calendario solidario na propia asociación e nas tendas Angelo Milano (R/ Paseo, 30) e Nuria Vidal (R/ Concordia, 12).