Manuel Baltar: “Laxeiro é un xigante situado no mesmo centro da cultura galega”

O presidente da Deputación asistiu esta tarde á inauguración de “Acción Laxeiro”, exposición sobre o pintor de Lalín que estará no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o 30 de novembro

Ourense, 3 de novembro de 2022.- O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta tarde a inauguración da exposición itinerante “Acción Laxeiro”, no marco da celebración do Día das Artes Galegas 2022 -adicado este ano ao pintor de Lalín-. A mostra está comisariada polo académico da sección de Artes da Imaxe Xurxo Lobato e poderá visitarse ata o 30 de novembro.

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, interveu na presentación da exposición acompañado polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a arquiveira – bibliotecaria da Academia Galega de Belas Artes, María Victoria Carballo – Calero e o propio Xurxo Lobato. 

Manuel Baltar louvou o “acaído homenaxe” da Real Academia Galega de Belas Artes a “un xigante situado no centro da arte contemporánea galega e da propia cultura do país. Laxeiro é unha referencia da vangarda española do século XX. A súa vixencia está intacta, quizais porque nunca perdeu esas raíces no común”. 

“Ollar a Laxeiro”, sinalou o presidente da Deputación na súa intervención, “é ver aos nosos pobos. Poucos como el fixeron unha relectura tan nutritiva da nosa cultura e das nosas tradicións. El é un dos Renovadores que modernizaron a arte galega mentres axudaban a recuperar o orgullo polo propio, pola nosa identidade”. 

Laxeiro, inmerso no seu proceso creativo

A mostra “Acción Laxeiro”, organizada pola Real Academia Galega de Belas Artes en colaboración coa Xunta de Galicia, recolle tres aspectos da relación de Xosé Otero Abeledo “Laxeiro” (1908-1996) co académico Xurxo Lobato e que amosan ao pintor de Lalín realizando a súa obra, o que engade un importante interese documental o ver o artista na súa faceta creativa.

-O proceso de realización da obra “Aparición” pintada en directo para todos os asistentes nun acto público na Galería Trinta, en Santiago o 28 de abril de 1987.

-No ano 1993, o fotógrafo retrata a Laxeiro pintando unha escaleira para publicar no libro “Galegos na escaleira” editado pola Fundación Caixa Galicia.

-Retratos de Laxeiro con Uxío Novoneyra, Jorge Castillo, Maruxa Seoane, Felipe-Senén, Abelenda, o pintor no seu estudio de Vigo.