O Psdeg trasládalle de primeira man á ministra de ciencia a “oportunidade histórica” que suporía para ourense albergar a Axencia Espacial Española

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de
participar nun encontro con representantes do sector da investigación xunto
coa Ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, onde os socialistas
aproveitaron para trasladarlle de primeira man á titular da carteira de Ciencia a
“oportunidade histórica” que suporía para Ourense albergar a futura sede da
Axencia Espacial Española (AEE).
Tralo encontro, no que se puxo en valor o traballo do persoal investigador en
Galicia e o esforzo do Goberno central a prol da súa estabilización, o voceiro
socialista, Rafa Villarino, e o edil Xosé Rúas fixeron entrega dun extenso
dosier á ministra Morant, no que subliñan e xustifican a idoneidade da cidade
de Ourense como futura sede de organismos da Administración Xeral do Estado
ou das súas entidades adscritas e dependentes, no marco do reto demográfico,
e nomeadamente da Axencia Espacial Española.


“A ministra recibiu de bo grado un cartafol no cal damos conta das razóns polas
que Ourense é a mellor candidata posible, posto que os requisitos establecidos
polo Goberno de España nos reais decretos que regulan o procedemento para a
desconcentración e descentralización das sedes físicas de entidades do sector
público” sinalan dende o grupo municipal socialista.
“Estamos nunha cidade que conta cun crecente ecosistema universitario e
empresarial perfectamente afín á natureza da Axencia Espacial Española, cun
exclusivo grao en Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo que é único en toda
Galicia e no noroeste peninsular, así como destacadas multinacionais
aeronáuticas tales coma Coasa-Aernova, a maior do sector na nosa
comunidade” exemplifican, ao tempo que engaden a relevancia do novo
Instituto Universitario de Física e Ciencias Aeroespaciais, cuxa creación vén de
ser ratificada por parte da Universidade de Vigo e que se localizará no campus
ourensán.

Ademais, sinalan que a terceira cidade de Galicia cumpre cos criterios
establecidos polo Goberno de España en relación á cohesión social, territorial e
demográfica para acoller esta nova axencia, así como outros indicadores
vencellados ás conexións aeroportuarias directas con capitais europeas ou a
existencia de boas comunicacións de longa e media distancia mediante
ferrocarril de alta velocidade.
“Contamos con infraestruturas das que outras candidatas carecen, coma unha
estación á que chega a alta velocidade e aeroportos a menos dunha hora de
distancia, ademais de excelentes comunicacións co norte de Portugal e coa
meseta”, destacan dende o grupo socialista, ao tempo que inciden en que
“Ourense é a única das aspirantes que cumpre cos requisitos tecnolóxicos, de
formación e despoboamento” para acoller esta nova sede.
Os socialistas tamén informaron á ministra da proposta que levarán para
aprobación do pleno municipal, na que solicitan que o Concello impulse a
candidatura ourensá para ser a futura sede da AEE, unha iniciativa que
defenderán mañá e que xa conta co compromiso do goberno local e da
Universidade para a súa materialización en tempo e forma.

AVANTAR ACTIVIDADES


“Non é de xustiza que os e as ourensás quedemos á marxe do proceso de
descentralización e desconcentración iniciado polo Goberno de España por mor
da deslealdade da Xunta de Galicia coa nosa cidade”, sinalan en relación á
decisión do goberno autonómico de apostar pola candidatura coruñesa para a
sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), ao
tempo que engaden que “dado que a normativa estatal permite que sexan as
corporacións locais, e non só os executivos autonómicos, os que propoñan as
candidaturas, dende o PSdeG-PSOE de Ourense instamos ao Concello a
reclamar para esta cidade a nova sede da AEE”.