Rueda: “Nin a provincia nin a cidade de Ourense van ser alleas ao impulso dos Orzamentos da Xunta máis altos da historia”

Manuel Baltar anuncia que antes de que remate o ano terán “aos 92 cabezas de lista que traballarán para conseguir a maioría na Deputación e superar o récord histórico de alcaldías”

  • O presidente do PPdeG reivindicou que os Orzamentos da Xunta para 2023 están pensados “para protexer a familias e empresas das incertezas” e neste sentido asegurou que “nin a provincia nin a cidade de Ourense van ser alleas ao impulso duns Orzamentos que son os máis altos da historia e que se sincronizan con aquilo que queren os galegos”
  • Afondando nesta idea, puxo en valor que as Contas do vindeiro ano suporán “máis protección e servizos públicos, menos cargas e máis futuro”, xa que se dedicarán “3 de cada 4 euros a políticas sociais”, continuarase a senda das rebaixas fiscais e apostarase por “máis investimentos produtivos”
  • Alfonso Rueda asegurou que o obxectivo do seu Goberno é “velar polas economías domésticas a empresariais” porque “é preciso que todas superen nas mellores condicións este momento complexo”
  • “Galicia necesita aos seus motores económicos e Ourense é un deles”, afirmou o presidente do PPdeG ao tempo que sostiña que “esta provincia ten moito que dicir en sectores estratéxicos da Comunidade” e que por iso os Orzamentos da Xunta para 2023 “cren en Ourense”
  • Enumerando algunhas das actuacións previstas nestas Contas, Rueda citou as melloras nos hospitais de Ourense, Verín e O Barco, o novo centro de saúde integral de Ourense, o novo ambulatorio da Rúa, as apostas para o Polígono de San Cibrao e a Tecnópole, o Centro de Ciberseguridade, a recuperación da fortaleza de Monterrei, o Parque Acuático de Pereiro ou a nova sede da Xunta
  • “Cremos no benestar de Ourense e por iso apostamos ademais por iniciativas como o Centro de Atención para Persoas con Discapacidade, por seguir levando as aldeas modelo ao rural e recuperando terras”, engadiu
  • Reivindicou que “a Xunta pode facer realidade todos estes obxectivos, un ano máis, grazas a un modelo baseado na estabilidade, na planificación e na xestión eficaz”
  • Rueda puxo en valor o traballo de Manuel Baltar á fronte da Deputación de Ourense, asegurando que se trata dunha “receita útil que é compartida” e que debe “estenderse aínda máis nos concellos logo das eleccións municipais de maio do vindeiro ano”
  • En clave electoral, o líder dos populares galegos defendeu que o PP “é un partido de goberno que non ambiciona o poder polo poder, senón que sabe o que facer con el e quere empregalo para mellorar concellos que necesitan un novo impulso”

“CABEZAS É O CAMBIO A MELLOR, NAS FORMAS E NO FONDO”

AVANTAR ACTIVIDADES
  • Referíndose a Ourense como un deses concellos que “necesitan un novo impulso”, o presidente do PPdeG ensalzou a figura de Manuel Cabezas como candidato á alcaldía da cidade: “É o cambio a mellor. Nas formas e no fondo”
  • Nesta mesma liña, continuou dicindo que “Ourense precisa pasar páxina dalgunhas actitudes que se cualifican por si mesmas” e “dar paso ao prestixio e a reputación do que foi, e será de novo a partir de maio, o seu mellor alcalde”; facendo así referencia a un Manuel Cabezas que na súa opinión destaca por ter “experiencia, talante, capacidade e un proxecto ilusionante”
  • Rueda concluíu que o candidato do PP á alcaldía “ten todo o que precisa Ourense neste momento” porque “xa sabe como levar á cidade a esa segunda transformación que continuará a primeira, que leva a súa sinatura” e animou ao partido a “traballar para que en maio teña a maioría absoluta que lle falta para facelo realidade”

MANUEL BALTAR: “O PP É O PARTIDO DE OURENSE E DE GALICIA”

  • O presidente provincial do PP de Ourense reivindicou que a formación está “preparada para unha gran vitoria o vindeiro 28 de maio” e anunciou que antes de que remate o ano terán “aos 92 cabezas de lista que traballarán para conseguir a maioría absoluta na Deputación e superar o récord histórico de alcaldías”
  • Enxalzando a Manuel Cabezas como “o mellor alcalde da historia de Ourense”, Baltar prometeulle “traballo” para que “xunto ao seu equipo acometa a segunda gran transformación da cidade para situala de novo á vangarda de Galicia”
  • “O PP é o partido de Ourense e o partido de Galicia, e nos esforzaremos cada día para reforzar o noso potente liderado político e seguir mellorando esta terra, asegurou
  • O líder dos populares ourensáns reivindicou a Alfonso Rueda como “o gran valedor de Ourense” e asegurou que a provincia “contribuirá á quinta maioría absoluta consecutiva do PPdeG cun ourensán, Alberto Núñez Feijóo, presidindo España”