O Carballiño e O Ribeiro terán presenza en Xantar con varios menús autóctonos

Xantar, a única feira internacional de turismo gastronómico de España, abrirá mañá mércores as portas da súa 23 edición en Ourense, e estará en marcha ata o vindeiro domingo 13 de novembro e versará sobre a promoción da Gastronomía dos distintos Camiños de Santiago, tanto os que atravesan España como Portugal.

Expourense reunirá a 165 expositores e 5 países representados (España, Portugal, Estados Unidos, Perú e Costa Rica). Tamén contará con 8 restaurantes, 3 salas gastronómicas, 1 sala de cata comentada e 1 espazo de degustación e promoción das festas gastronómicas de Galicia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Entre a oferta que poderemos ver nesta feira tamén hai unha clara presenza da nosa contorna. Por unha banda, haberá catro menús con produtos locais: dous da man da Marca O Irixo, con especialidade en carnes e produtos do monte; outros dous menús do Camiño Miñoto Ribeiro, con gastronomía galaico portuguesa; outro menú da Arnoia, con presenza dominante do pemento autóctono e, por último, un menú taberna polbo do Carballiño. Todos estes pratos estarán acompañados por viño da D.O. Ribeiro. E tamén haberá, no espazo de Festas Gastronómicas, o venres, dende as 20:00 horas ata as 20:45 horas, unha degustación de empanada de anguías, aceite e rosquillas.